COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

GRANDE SEGUEMENTO Á MANIFESTACION E A FOLGA DE VITRASA

2 de abril de 2023

Este venres comeza a folga das traballadoras de Vitrasa, que reclaman melloras laborais para dignificar os seus postos de traballo e para darnos a clase obreira viguesa un servizo de calidade. Contra a negativa da patronal de negociar e a do concello de intervir no conflito (mostrándose así do lado da patronal) á clase obreira viguesa non temos máis opción que apoiar con todos os nosos folgos a folga das traballadoras de Vitrasa.

APOIA A FOLGA DE VITRASA.

Dende o Comité Comarcal do PCG en Vigo queremos expresar a nosa solidariedade co persoal de Vitrasa, empresa adxudicataria do transporte público no concello, que leva dous anos con mobilizacións en defensa dunha condicións laborais dignas e que na derradeira semana viuse na obriga de convocar unha folga indefinida. O convenio caducou en 2020, coa conseguinte conxelación de soldos, e dende entón, a empresa está presionando para rebaixar os salarios, aínda que a perda de poder adquisitivo supera xa o 13%.

O argumento que se dá é que as retribucións están por riba das estipuladas no convenio provincial de transporte de pasaxeiros en autobús. Pero non se ten en conta que as condicións son moi diferentes a outras modalidades de transporte, como pode ser o escolar. No caso de Vitrasa, as xornadas son de ata 10 horas, con horarios non flexibles, durante as fins de semana, sen plus de nocturnidade e sen apenas posibilidade de realizar descansos nin para as necesidades fisiolóxicas básicas. Tamén denuncian unha eventualidade excesiva, así como o uso de horas extra para evitar novas contratacións. Por outra banda, sinalan que se están a abrir expedientes e a aplicar sancións desproporcionadas por cuestións sen importancia. En 2022, a empresa tentou deixar sen efecto o convenio para poder rebaixar os salarios un 30%, alegando perdas.

Hai que dicir que hai 50 millóns de remanente e durante os períodos de expansión nunca houbo bonificacións para o persoal. Estas pretensións da patronal foron rexeitadas por un laudo arbitral, pero dende agosto, a empresa negouse a manter máis xuntanzas ata que non se aceptase esta rebaixa.

Dende o PCG na comarca de Vigo tamén queremos facer crítica do papel do goberno municipal neste tema. Négase a mediar, alegando que non poden interferir nun conflito entre as dúas partes, aínda que o alcalde, Abel Caballero, se aliñou coa patronal ao defender que os salarios están moi porriba do convenio e é cómplice cando vai sacar fotos con ocasión da presentación dos novos vehículos. Incluso chegando a anunciar novas bonificacións do concello aos billetes a través da PassVigo o mesmo día 31 que comezaba a folga, unha vez máis aumentamos o gasto público para que remate en mans privadas. A poboación de Vigo está a sufrir as consecuencias e o comité de empresa tamén denuncia que Vitrasa está a prestar un servizo cada vez peor, con menos liñas e menores frecuencias. Todo isto cando o prezo do billete é, segundo a OCU, o máis caro de toda España. O modelo de concesión dos servizos municipais é inxusto para as condicións laborais e supón un beneficio para as empresas adxudicatarias, que recollen beneficios pero non asumen as perdas, que corren de parte da administración, como sucede cos bonos e demais descontos sociais.

Por todo isto, demandamos a remunicipalización do servizo de transporte urbano, apoiamos as demandas da plantilla, e solicitamos ao goberno de Vigo que asuma a súa responsabilidade como mediador entre as partes posicionándose do lado das traballadoras e remunicipalizando o servizo.

STOP precariedade para un servizo de calidade. Apoia a folga de VITRASA.

Categorías: Vigo

Comparte: