COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

17 de maio: poñer o galego no centro

17 de maio de 2023

Neste 17 de maio reivindicamos novamente a centralidade que merece o galego en todos os nosos espazos de socialización. Porque unha lingua minorizada como a nosa non deixará de perder falantes se non se realizan políticas e se tomen decisións para que esta sexa absolutamente vehicular no día a día: dende a escola ata o xulgado, sen esquecernos nunca dos centros de traballo.

En moitas empresas o uso do galego segue a ser practicamente inexistente. Unha problemática que vai máis aló da influencia da globalización e que está arraigada nunha batalla ideolóxica na que a nosa lingua materna perde cada vez máis valor e recoñecemento social.

Alén da súa comunicación externa, onde o galego gañou centímetros de terreo cando as axencias de márketing descubriron que pode ser usada coma un atractivo cara o público comprometido -o que deu lugar a campañas nas que o galego non é vehicular, senón decorativo, apelando ao chovinismo-, no interno dos centros laborais o uso da nosa lingua dáse en circunstancias excepcionais. E nalgúns casos, até é reprimido ou sancionado se o fala algún traballador ou traballadora.

Poñer o galego no centro conséguese a través da democratización das empresas. Dando maior capacidade de decisión ao persoal mellorarase non só o reparto dos beneficios, senón tamén os dereitos da clase obreira. Coma o dereito a falar en galego. Eliminar as políticas que prohiben o seu uso é o primeiro paso, que debe ser seguido por implementar medidas activas para fomentar e apoialo, como a capacitación lingüística, a tradución de materiais empresariais e a promoción de programas de sensibilización e valorización da lingua.

No ámbito educativo, é necesario abordar o problema do falso trilingüismo impulsado polas políticas do PP de Feijóo e continuadas por Alfonso Rueda, que non brindan suficiente formación nin recursos para o galego. É fundamental promover o uso da nosa lingua no ensino infantil, primaria e universitaria, evitando que sexa relegada en favor de decisións individuais de profesores.

Así mesmo, é esencial poñer o galego no centro da cultura, desde os medios de comunicación ata a produción artística. É preocupante observar como a televisión pública, a CRTVG, cada vez conta con máis contidos e protagonistas en castelán, debido á redución da súa capacidade de produción propia e a externalización da maioría das súas producións. Na prensa escrita, os xornais de maior circulación e financiamento público publícanse principalmente en castelán, a excepción de hoxe, 17 de maio. O financiamento e promoción de artistas en galego foron practicamente eliminados, algo que se fai moi evidente en macro-festivais pagados con cartos públicos, coma o Morriña Fest ou O Son do Camiño. Debemos esixir unha maior presenza de músicos e músicas galegos en festivais que paga a cidadanía.

O uso do galego nos centros de saúde, no sistema xudicial e en xeral en todas as institucións públicas está absolutamente relegado ao uso do castelán. É crucial seguir defendendo o dereito das persoas para recibir atención en galego e en igualdade de condicións, cando así o soliciten. Non podemos permitir que os trámites para os e as galegofalantes se dilaten máis que os feitos en castelán, como recoñecía hai poucos días o Ministerio do Interior.

Non é sorprendente que o número de falantes de galego estea a diminuír desde hai anos. O novo sería que cada vez que vexamos este titular, exixíramos responsabilidades. É fundamental denunciar a falta de promoción do noso idioma por parte dos gobernos da Xunta de Galicia.

Con todo, Con todo, tamén nós debemos tomar partido. A defensa da nosa lingua debe comezar no centro das nosas vidas, coas nosas familias, amigos, compañeiros de estudo e traballo, e utilizando o galego na nosa vida privada, pública e política, converténdoo na nosa lingua de comunicación principal.

Categorías:

Comparte: