COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

25 de xullo: industrializar o país

25 de xullo de 2022

Este 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, o PCG lanza un chamado de ruptura fronte á senda de empobrecemento que está a afundir ao noso pobo.

Desde hai meses asistimos aos sinais dunha nova crise capitalista en cernes, expresada de forma aberta ante as traballadoras na forma da escalada sen freos do prezo da vida e a obscena rapina dunhas contas de resultados que non fan máis que engordar. A crúa dinámica dun sistema que xa non pode manterse senón é desde o incremento desbordante da explotación da nosa clase e o espolio dos recursos.

Os sectores produtivos do noso país sofren directamente as decisións dos centros de poder económico e político. Un desenvolvemento historicamente supeditado aos intereses dos grandes capitais europeos, como puidemos ver co proceso de desmantelamento do sector naval aparellado á integración europea ou recentemente cunha pandemia que deixou ao descuberto a vulnerabilidade dunha economía desprovista de instrumentos cos que facer fronte ás inestabilidades.

Ás portas desta nova conxuntura de crise, é urxente un cambio de rumbo. Non podemos permanecer impasibles fronte ao derradeiro intento de furtarnos o futuro. O noso pobo, coa clase traballadora á súa fronte, ten nas súas mans construír unha resposta ante a miseria. Un camiño ao progreso que pode e debe transitar pola industrialización do país.

Pola creación de industria pública que, mediante a planificación e control dos sectores estratéxicos, garanta a creación e distribución de riqueza, á vez que se crea emprego de calidade e contrólase o impacto no medio. A vía para erixir a única soberanía en beneficio da nosa clase: aquela que supón disputar ao capital a dirección da produción.

Para iso, é necesario aproveitar as nosas potencialidades endóxenas, palpables en sectores tan diversos como o enerxético ou o forestal, para poñer a producir a Galicia. Á vez que se procede á recuperación de empresas punteiras no territorio, hoxe condenadas á desaparición ante a avaricia e especulación duns poucos. Alu Ibérica, Gamesa e un longo etcétera sinálannos que non hai tempo nin espazo para o titubeo, nacionalizar é xa unha cuestión de supervivencia para o país.

As comunistas do PCG, neste día de celebración do pobo galego, reafirmamos o noso compromiso de levantar, sobre a base da súa unidade e loita, unha alternativa para Galicia.

Categorías:

Comparte: