COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

25 de xullo: sexamos soberanos da nosa industria. Tomemos o control da economía.

25 de xullo de 2024

No día Nacional de Galicia, dende o PCG queremos volver poñer en dúbida o modelo capitalista como solución aos problemas da clase obreira galega, focalizando, un ano máis, nunha necesaria industrialización do país que non pode ser levada a cabo segundo os parámetros de beneficio empresarial a toda costa que propón o goberno da Xunta e que se materializa a día de hoxe no proxecto GAMA, de Altri, coma o fixo no pasado con ENCE.

E é que as políticas de industrialización de Galicia das últimas décadas son un conxunto de promesas electoralistas incumpridas e de desmantelamento de sectores industriais de alto valor.  Un modelo baseado na atracción de grandes proxectos industriais e investimentos externos que resultou ser insostible e insensible ás necesidades locais.

As grandes empresas que se asentaron en Galicia priorizaron o beneficio económico rápido sobre o desenvolvemento sostible e o benestar das comunidades locais. O resultado foi a desarticulación de sectores clave, a perda de emprego e a desindustrialización progresiva. As crises das décadas dos 80 e 90, caracterizadas por deslocalizacións e peches de fábricas, evidenciaran que o modelo capitalista de industrialización non era capaz de adaptarse ás novas realidades económicas e tecnolóxicas, deixando á clase obreira nunha situación de vulnerabilidade e incerteza.

O Proxecto GAMA, impulsado pola empresa Altri, representa un intento falaz por revitalizar a industria da celulosa en Galicia a través da construción dunha planta en Palas de Rei, cunha ampla oposición da sociedade galega. Esta planta, cunha capacidade para producir 400.000 toneladas anuais de celulosa, pretende incrementar a demanda de eucalipto na rexión. Aparentemente, esta expansión industrial é unha oportunidade para crear postos de traballo e impulsar a economía local. Porén, os custos ambientais e sociais deste proxecto superan os beneficios prometidos.

O modelo de industrialización promovido polo capitalismo, materializado no Proxecto GAMA é profundamente cuestionable. A pesar de que se prometen 200 postos de traballo, os impactos negativos sobre sectores vitais como a gandería, a agricultura e a pesca, que dependen da integridade dos ecosistemas locais, poden xerar un custo moito maior para a comunidade galega. A destrución de 366 hectáreas de territorio ecolóxico, a potencial contaminación do río Ulla e da ría de Arousa e a redución da auga do encoro Portodemouros son consecuencias inaceptables que ameazan a saúde ambiental e económica da nosa rexión. O Proxecto GAMA non só ignora os principios ecolóxicos fundamentais, senón que tamén compromete a capacidade de Galicia para desenvolver unha economía sustentable a longo prazo.

O 25 de xullo debe ser un momento para reflexionar sobre o rumbo da nosa industrialización e da nosa economía. A industrialización capitalista, lonxe de ser unha panacea para a clase obreira, demostrou ser un modelo que privilexia intereses privados e obvia as necesidades reais da maioría. O programa económico do Partido Comunista de Galicia, aprobado no XV Congreso, representa unha alternativa sólida que busca un desenvolvemento industrial equilibrado e sustentable, adaptado ás necesidades da clase obreira e ao contexto galego.

A nosa proposta defende unha industrialización que non só xere emprego, senón que tamén respecte os límites ecolóxicos, promovendo un crecemento equilibrado que mellore as condicións de vida da clase obreira.

Entre os puntos principais destaca a necesidade de desenvolver sectores industriais clave de maneira equilibrada. O fortalecemento do sector do aluminio e do forestal, a reestruturación do sector naval e a aposta por enerxías limpas son os principais eixos estratéxicos. O PCG propón a creación de empresas públicas no ámbito da produción de alúmina e aluminio, aproveitando infraestruturas existentes como as de San Cibrao e A Coruña, que pretenden ser desmanteladas. A recuperación e expansión do sector naval cunha, apostando pola diversificación na produción de barcos e a inversión en innovación. A nacionalización das empresas hidroeléctricas e a promoción de enerxías limpas como a biomasa representan estratexias para garantir a soberanía enerxética e fomentar o desenvolvemento rural.

O Programa Económico para Galicia do PCG tamén inclúe un aumento planificado na inversión en investigación e desenvolvemento (I+D) para fomentar a innovación e a adaptación aos novos desafíos económicos e ambientais. Este enfoque non só xera emprego, senón que tamén mellora as condicións de vida da clase obreira e garante que o desenvolvemento económico sexa sostible a longo prazo.

A industrialización capitalista, coa súa tendencia á explotación intensiva e á falta de planificación sostible, non beneficiou á clase obreira nin á comunidade galega en xeral. En contraste, o programa económico do PCG ofrece unha visión clara e coherente para unha industrialización que priorice o benestar da clase obreira, a preservación do medio ambiente e a afirmación da identidade galega.

É tempo de deixar atrás o modelo depredador e adoptar unha industrialización que integre a sustentabilidade e o control popular da nosa economía. Neste 25 de xullo, comprometémonos cun futuro que mellore as condicións da clase obreira e do medio no que vive. É hora de avanzar cara a unha economía planificada. Sexamos soberanos da nosa industria, tomemos o control da economía.

Categorías: Comité Nacional

Comparte: