O Día Internacional da Muller Traballadora é para as comunistas a expresión concentrada dunha contradición fundamental no capitalismo: a contradición capital-traballo atravesada pola opresión específica de xénero. O 8M é, polo tanto o momento para denunciar a violencia estrutural que latexa baixo a aparente normalidade da sociedade burguesa.
A explotación da muller non é un residuo cultural do pasado, senón unha necesidade funcional para o sistema. Por unha banda, o capital benefíciase da plusvalía que xeramos no ámbito laboral. Polo outro, aprópiase de xeito gratuíto do traballo doméstico e de coidados no fogar: o traballo invisible, e malia todo imprescindible, para a reprodución da forza de traballo.
Esta opresión non se detén ás portas da casa. A violencia machista, que ten como máxima expresión o feminicidio e a violencia vicaria, é a súa manifestación máis brutal, que o sistema precisa para perpetuar a dominación. Neste senso, no que vai de ano produciuse un repunte nos asasinatos machistas, así como de crianzas. Neste último ano mesmo tamén tivo lugar o asasinato dunha traballadora do SAF no seu posto de traballo, a mans do home da paciente que atendía. Non podemos considerar estas vítimas como casos illados, senón como un feito estrutural contra o que hai que seguir loitando, xa que a consideración do corpo das mulleres como propiedade privada dentro da familia burguesa non se pode considerar fóra da loita de clases.
Estamos sendo testemuñas tamén de que a mocidade, principalmente os varóns en España, se afastan cada vez máis das posicións feministas, pois estamos vendo o auxe da reacción, do individualismo e da necesidade da satisfacción inmediata dos desexos. Hai datos que indican que os rapaces reciben mensaxes de pornografía dende os 8 anos, cando aínda non os buscan e non teñen instrumentos para discriminar o que están a ver, polo que se converte nunha escola de sexo para eles. Ás nenas aféctalles doutro xeito, e toman eses contidos como o que teñen que facer, ou deixarse facer, para satisfacer aos varóns.
Tampouco a explotación sexual e reprodutiva que supoñen a prostitución e os ventres de alugueiro poden ser concibidas dende posicións individualistas baseadas na “libre elección”. Estas prácticas converten o corpo e a capacidade reprodutiva das mulleres en mercadorías ao servizo do capital e do patriarcado. Nesta fase imperialista avanzada, estas prácticas están sendo cada vez máis extremas. Como dicía Alexandra Kollontai, a prostitución “ameaza o sentimento de solidariedade e camaradería entre os obreiros e as obreiras”, xa que os homes saben que sempre teñen a posibilidade de ter unha muller á súa disposición consonte os seus ingresos. Tanto a prostitución coma o mercado de ventres de alugueiro opera en concordancia aos principios do imperialismo que vivimos, xa que son principalmente as mulleres do sur global, dos países empobrecidos por séculos de espolio colonial, quen se someten a estas formas de explotación extrema.
Dende o PCG, queremos expresar o noso apoio e solidariedade coas poboacións atacadas por EEUU e Israel, coa complicidade da UE. O exterminio en Gaza continúa, malia á unha falsa declaración de alto ao fogo, polo que xa deixou de ter unha posición destacada nos medios de comunicación de masas. Con máis do 80% do territorio e case todas as infraestruturas destruídas, as mulleres teñen que dar a luz e coidar ás crianzas en condicións imposibles.
Fronte a quen defende os ataques dos EEUU e o sionismo a Irán, xustificándoos como unha liberación ás mulleres, mesmo entre supostas “feministas”, hai que lembrar que ningunha muller é liberada a bombazos e que xa sabemos como acabou a intervención ianqui en Afganistán, onde as mulleres xa non son consideradas nin persoas. Ou en Siria, que era un país multicultural e con liberdade para as mulleres e agora están sometidas á lei islamista. Os conflitos bélicos converten ás mulleres en botín de guerra, en instrumentos para a limpeza étnica e en simples vítimas colaterais.
Por iso, as mulleres comunistas esiximos a única solución para que se deteña a nosa opresión, que non son reformas que maquillen a explotación, senón unha transformación revolucionaria da base material que a sostén e a loita polo socialismo.




