COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

8 de marzo: Día da muller traballadora

8 de marzo de 2022

 

Como cada 8 de marzo, o PCG saúda a loita polos dereitos das traballadoras, animando á participación nas mobilizacións e actos de reivindicación convocados ao efecto.

O modelo de produción capitalista, as relacións económicas e sociais que este impón, afectan dobremente as mulleres traballadoras. A explotación inherente ao sistema que sufrimos, e que asoballa ao conxunto da nosa clase, pasa necesariamente polo mantemento de condicións de precariedade nos nosos postos de traballo, así como de salarios inferiores que seguen sustentándose, de xeito máis ou menos velado, na concepción da nosa retribución como un “complemento”, dependente do considerado  “salario familiar”, percibido por un “cabeza de familia”. É un axioma que, dentro das regras de xogo impostas polo capital, que responden sempre aos intereses da clase explotadora, e das imposicións da división sexual do traballo, a realidade laboral da muller flutúa entre un eido reprodutivo invisibilizado e unha esfera pública baseada na inestabilidade, na temporalidade, nas trabas para o acceso a determinados postos e na desvalorización xeneralizada do noso rol na sociedade. Baixo estas condicións, as políticas que ofrece o neoliberalismo non só son insuficientes, senón que, en realidade, profundan máis no problema, a forza de non atacar nunca a súa raíz. O exemplo paradigmático disto atopámolo na falta de propostas políticas de conciliación efectivas, máis cosméticas que transformadoras, e que, en moitas ocasións, propoñen ou derivan no retorno da muller ao eido dos coidados.

No caso das mulleres do medio rural, todas estas cuestións vense agravadas por unhas condicións aínda máis precarias, afastadas de calquera tipo de recoñecemento dos seus dereitos laborais e sociais; nestes lugares, o acceso das mozas a postos de traballo é especialmente dificultoso. Todas as problemáticas que acucian ás mulleres no mundo laboral tradúcense finalmente en terribles consecuencias na súa xubilación, percibindo pensións manifestamente máis baixas ou, directamente, quedando sen dereito a obter prestacións.

Ademais disto, os problemas das traballadoras non rematan nas cuestións laborais ou económicas, senón que se estenden aos dereitos sociais. Non é casualidade que a dereita concentre esforzos, cada vez que ten a ocasión, en atacar dereitos como o aborto. En realidade, o que están atacando é o dereito das obreiras ao aborto, aspirando ao control total sobre a nosa liberdade sexual e reprodutiva. Non poderemos falar de conquista de dereitos ata que estes non poidan ser exercidos polas mulleres obreiras.

Tamén se pon en interdito a nosa liberdade coa explotación sexual e reprodutiva. Non é posible lexitimar como “traballo” as agresións sexuais continuas cun intercambio económico de por medio. Este non se produce nunha base de igualdade, senón nun contexto de sometemento das mulleres máis empobrecidas, nunha gran parte migrantes e vítimas de mafias da trata. A prostitución é un indicativo claro de desigualdade entre homes e mulleres. Lembremos que España é o primeiro país europeo e o terceiro do mundo en consumo de prostitución, o que a converte nunha industria moi poderosa cun lobby de gran influencia.

Así mesmo, preténdese lexitimar dende o ámbito neoliberal a mercantilización da nosa capacidade reprodutiva como unha libre elección sobre o propio corpo. Isto non é máis cá defensa de quen ten poder adquisitivo abondo para dispor do útero das mulleres en situación de necesidade, por moito que o queiran adornar con sentimentalismos e supostos dereitos á paternidade ou maternidade.

As comunistas estamos dispostas a manter vivas estas loitas. Se algo puxo de manifesto o papel xogado polas obreiras, dende as tabacaleiras coruñesas ata as traballadoras da conserva, pasando polas estudantes, as gandeiras, as sanitarias, as limpadoras ou as mariscadoras, é que a nosa renuncia só pode beneficiar á clase dominante.

Este 8 de marzo, un ano máis, saímos ás rúas para demostrar a forza das traballadoras na loita pola conquista dos nosos dereitos.

VIVA A LOITA DAS MULLERES!

Categorías:

Comparte: