COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

8M, en defensa dos nosos dereitos fronte á ofensiva capitalista e patriarcal

6 de marzo de 2024

Este 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, as comunistas imos estar nas rúas para loitar pola igualdade e pola fin da explotación capitalista. Fóra dunha igualdade formal na lexislación, vemos como a fenda de xénero continúa existindo e en Galicia se eleva ata o 23%, por riba da media de España. As mulleres continuamos a ser as que nos encargamos maioritariamente dos traballos de mantemento e reprodución da forza de traballo que, ou ben se realiza de xeito gratuíto dentro da familia, ou benconstitúe un sector laboral mal considerado e con condicións de precariedade, penosidade e baixos salarios. Neste senso, queremos apoiar ás traballadoras da limpeza, que están a loitar polos seus dereitos, tanto en Lugo coma noutras vilas galegas.

O feito de levarmos a cabo maioritariamente as tarefas de coidados tamén provoca que sexamos as que nos acollemos a xornadas parciais –un 73% fronte aos homes–co correspondente prexuízo nas cotizacións, ou as que solicitamos maioritariamente excedencias para dedicarnos a coidados de menores (un 87% en 2022 eran de mulleres), maiores ou familiares dependentes. As cifras de pobreza tamén son representativas. En Galicia, un 10% das familias contan cun só proxenitor, e no 80% dos casos son monomarentais. As mulleres son tamén maioría de perceptoras das axudas sociais, cun 61% na RISGA e un 63% na AIS (Axuda de Inclusión Social). A igualdade das mulleres só pode partir da nosa participación no mundo do traballo tamén en pé de igualdade. 

A defensa dos servizos públicos é outro piar fundamental para conseguila. En Galicia estamos a participar nas plataformas en defensa da sanidade e tamén é necesario loitar polos nosos dereitos reprodutivos, como o aborto na sanidade pública, que malia estar recoñecido sobre o papel, non se quere respectar por parte da Xunta, que pretendeu hai uns meses asinar acordos con centros privados para derivar as intervencións de interrupción voluntaria do embarazo. No ámbito educativo, continúa a loita das traballadoras do ensino infantil de centros privados e públicos de xestión privada por un novo convenio que actualice os seus salarios, que levan anos conxelados e en ocasións non chegan nin ao SMI. O mantemento de centros educativos privados con fondos públicos, así como as residencias de maiores e centros de día son unha proba clara de que o sistema capitalista considera as necesidades básicas humanas coma unha simple fonte de beneficios. Fronte a isto, reclamamos uns servizos públicos universais e de calidade.

Como comunistas e internacionalistas, tamén somos conscientes da ofensiva imperialista que se está endurecendo nestes momentos, coa fin da hexemonía de EEUU, coa UE como satélite, entre outros países. Os tambores de guerra que resoan como unha mentalización destinada á poboación europea, co incremento do gasto en armas para unha guerra que nos é allea, vai agudizar as contradicións sociais e as penalidades da maioría da poboación, co aumento de prezos, a falta de subministrose o desinvestimento no ámbito social. Pero queremos expresar sobre todo a nosa solidariedade coa poboación civil dos países que están a sufrir a agresión imperialista directamente. Estamos a ser testemuñas da indiferenza dos nosos gobernos ante o xenocidio que Israel está a cometer en Palestina, sen que sexan obxecto de ruptura de relacións diplomáticas nin sancións ningunhas. Queremos lembrar que xa son máis de 30.000 homes, mulleres e crianzas as asasinadas, ademais do endurecemento das condicións de vida de toda a poboación de Gaza. Por isto, queremos dar o noso apoio ao movemento de resistencia palestino.

Por todo isto, queremos facer un chamamento ás mulleres para que participemos nas mobilizacións deste venres, 8 de marzo, e tamén para que nos organicemos para defender os nosos dereitos fronte á ofensiva capitalista e patriarcal que estamos a sufrir.

Categorías:

Comparte: