COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | A declaracion como Lugar de Memoria Democratica, unha farsa

13 de novembro de 2025

O Comité Comarcal do Partido Comunista de Galicia (PCG) denuncia a declaración de Ferrol como “Lugar de Memoria Democrática” por parte do Goberno central, como unha manobra cínica, superficial e tardía, carente de valor real para a reparación das vítimas do franquismo ou na a loita contra o fascismo.

Medida simbólica sen contido material algún.

No PCG analizamos os feitos polas súas consecuencias materiais, non polos simbolismos baleiros. Por iso consideramos que esta é outra declaración de boas intencións máis que vai quedar en nada, porque ó fascismo non se lle combate imprimindo diplomas senón atacando as súas bases económicas e desarticulando os seus aparellos terroristas.

Para o PSOE, a Memoria Histórica é outra chaqueta de pana que se poñen para parecer o que non son, é unha pegatina que se colgan da solapa cando lles convén encher portadas sen investir un só euro. Porque a declaración do BOE, non vén acompañada de dotación orzamentaria algunha, nin plans de actuación concretos, nin medios materiais ou humanos.

O que ofrece o Goberno é unha farsa: 22 placas, 22 diplomas, 0 euros en orzamento, 0 xuízos anulados, 0 exhumacións programadas. Nin un só miligramo de terra será removido nas fosas comúns. As vítimas seguirán sen reparación mentres os verdugos e os seus herdeiros políticos e económicos seguen cómodos, sen ser xulgados.

Campaña de publicidade electoralista do PSOE.

Non nos enganan. Esta operación, lanzada con grande estrépito na prensa, é outra máis das manobras de marketing político do PSOE para lava-la súa imaxe e pescar votos entre unha esquerda desencantada. 

En troques de proporcionar xustiza real, esta é outra operación de maquillaxe, que pretende facer crer que o Goberno avanza na recuperación da Memoria Histórica mentres, na práctica, mantén intactas as estruturas do vello Estado franquista e goberna cos seus sucesores. Non caiamos no engano, o PSOE é o nudo de aquela frase: “todo queda atado e ben atado”, son os que historicamente traizoan ós traballadores dicindo que son “obreiros”

Chega 40 anos tarde.

A crónica do PSOE coa Memoria Histórica é o relato dun engano continuo e de constantes atrasos. Cando puido, cando gobernou con maiorías absolutas, ignorou as demandas das vítimas, das familias e das asociacións memorialistas. Agora, cando o auxe da ultradereita fascista ameaza ó seu espazo electoral, presenta medidas cosméticas.

É demasiado tarde para miles de represaliados e para as súas familias, que levan esperando xustiza dende hai case nove décadas.

Non avanza na reparación nin combate o fascismo real. 

Esta declaración non saca a unha soa das vítimas das fosas. Non devolve os bens roubados. Non anula as sentenzas franquistas. Non persegue xudicialmente ós que defenden ó fascismo. Non vai impedir que sexan precisamente alcaldes do PSOE os que máis sañudamente se opoñen a cumprir as leis de memoria histórica, como ben coñecemos nesta comarca. 

E o máis grave, non fai nada para frear o fascismo rampante que se estende por Europa. É unha pose, un exercicio fútil e inofensivo para os que hoxe, impunes, volven levantar o brazo en saúdo fascista e alimentan o odio dende as institucións.

O Partido Comunista de Galicia (PCG) non se sumará a este engano. A nosa firme convicción é que a única memoria digna se constrúe con xustiza, verdade e reparacións reais, materiais e políticas. 

Esiximos:

    · Exhumación sistemática das fosas identificadas no ámbito ferrolán, con financiamento público.
    ·Anulación total e sen condicións de todas as condeas ditadas polos tribunais franquistas e reparación e indemnización ás familias.
    ·Investigación e depuración das estruturas do Estado que seguen a albergar a herdanza franquista.
    ·Ilegalización inmediata de todas as organizacións fascistas e retirada de símbolos franquistas de todos os espazos públicos.
    ·Ensino obrigatorio en todos os centros educativos da historia da loita da clase traballadora contra o fascismo.

Non valen absolutamente de nada as placas nin as declaracións se o fascismo infesta a nosa sociedade e as estruturas do Estado. Queremos xustiza, non simulacións. Isto non se consegue con concesións dende o poder, se arrinca coa loita constante e organizada da clase obreira.

O Partido Comunista de Galicia (PCG) chama a todas as forzas progresistas, ás traballadoras e traballadores conscientes, a non conformarse coas migallas retóricas do réxime do 78 e a organizar a resistencia na rúa, nos centros de traballo e nos barrios. Só a unidade da clase obreira poderá afastar e vencer ó espectro do fascismo. 

En Ferrolterra, a 13 de novembro de 2025

POLA VERDADE, A XUSTIZA E A REPARACIÓN.
CONTRA O FASCISMO, ORGANIZACIÓN E LOITA CONSTANTE!

Categorías:

Comparte: