COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

A FOLGA NA CRTVG PROVOCA A SUSPENSIÓN DE PROGRAMAS NA RADIO E TV

24 de marzo de 2023

Entre intentos da Xunta e da propia CRTVG por facer de menos o conflito e restarlle publicamente importancia, as redaccións da TVG e da Radio Galega (RG) amenceron este venres case baleiras e cunha escaseza de persoal que provocou que non se emitisen varios programas da mañá e que toda a programación dos medios públicos se vise alterada.

Nunha nova xornada de folga "contra a manipulación e a represión" e o "clima laboral asfixiante" que o persoal denuncia na CRTVG, máis dun cento de traballadores da televisión e da radio secundaron o paro na quenda de mañá, segundo o comité de empresa. O programa estrela das madrugadas da RG, Pensando en ti, non foi emitido, e o magazine matutino da TVG, A Revista, tampouco. Antes, o informativo Bos Días quedou sen información meteorolóxica nin deportiva, contou cunha soa cámara e tivo que prescindir do habitual faladoiro, malia ser un dos espazos que os servizos mínimos declararon esenciais. Tampouco se puido ver o espazo Atmosféricos nin outros moitos pola tarde.

O impacto da protesta foi maior que o do pasado 6 de marzo. e afectou mesmo o espazo máis emblemático da televisión pública: o Luar non se puido emitir por mor da folga, un feito histórico. Á hora na que Gayoso debía saír ao plató, a TVG repoñía un especial sobre Juan Pardo. Tamén o foi que, por segunda vez, logo do ocorrido no Osasuna-Celta de hai dúas semanas, non se retransmitiu un partido dun equipo galego do fútbol profesional: o Cartagena-Lugo

Dende a CRTVG aseguran que secundaron a folga algo máis do 25% dos traballadores, pero no comité advirten de que a dirección non ten en conta aquel persoal que non pode facer folga por baixa, permisos ou vacacións. De feito, a Corporación cifra o seguimento do paro en catro puntos menos que a convocatoria do pasado día 6. 

O último conflito xurdiu logo de que a xornalista Mayte Cabezas fose trasladada á radio tras 30 anos como presentadora na TVG e aos poucos días de criticar a Núñez Feijóo en redes sociais por non preocuparse de vítimas do terrorismo coma ela, cuxo pai foi asasinado polos GRAPO.

"É o máis grave que ten sucedido na historia dos medios públicos nos seus 38 anos de historia", denuncia o persoal mobilizado no Toural

A polémica rachou cos marcos de tal xeito que a criticada decisión da CRTVG foi mesmo denunciada por unha asociación de vítimas do terrorismo das forzas de seguridade (ACFSE), que nun comunicado acusou os medios públicos galegos de "represalias"contra Cabezas, de "atacar a liberdade de expresión" e de "agraviar" non só a afectada, senón "a todo o colectivo de vítimas".

Cabezas foi unha das xornalistas que tomou a palabra na concentración contra os "abusos" que persoal da CRTVG desenvolveu na praza do Toural de Compostela este venres. Alí advertiron de que a actual situación é "o máis grave que ten sucedido na historia dos medios públicos nos seus 38 anos de historia" e insistiron en deixar claro que non é unha reivindicación que abranga aos xornalistas senón "a todo o pobo galego"..

Categorías:

Comparte: