COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

A fonda pegada feminista de Rosalía

23 de febreiro de 2024

Hai 165 anos, nada máis e nada menos, que Rosalía de Castro daba á luz "Lieders", un artigo xornalístico que hai quen ten considerado, e non sen razón, o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia. Era o ano 1858, cando a poeta, que facía 21, publicaba esta declaración de principios:

"Jamás ha dominado en mi alma la esperanza de la gloria, ni he soñado nunca con laureles que oprimiesen mi frente. Sólo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud".

Con esa consciencia iniciaba unha carreira literaria na que, en infinidade de páxinas, está moi presente a vida das mulleres das clases populares de Galicia, na liña desa súa "natural disposición (que non en balde son muller) a sentir como propias as penas alleas", que di nas prologais "Dúas palabras da autora" de Follas Novas (1880).

Atopamos críticas ao matrimonio, mesmo en clave irónica e humorística, do xeito de:

Decides que o matrimonio
é santo e bueno. Seraio;
mais non casou San Antonio,
por máis que o mesmo demonio
tentouno a face-lo ensaio.

[...]

matrimonio, un dogal es;
eres tentazón do inferno;
mais casarei..., pois no inverno
non ter quen lle a un quente os pes...!

ou

San Antonio bendito,
Dádeme un home,
Anque me mate,
Anque me esfole.
Que zambo ou trenco,
Sempre é bó ter un home
Para un remedio.

Responde a que no pensamento común daquela altura unha muller sen home non era nada.

Tamén da vida de parella, dándolle a volta á tortilla:

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por auga,
e vai á misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo.
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos,
pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

[...]

mas non temás, qu'antre mil
n'hai máis que un anxo antre os demos;
n'hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.

Visibiliza a situación das mulleres que fican soias, convertidas en viúvas de vivos cando os homes se ven obrigados a marchar á emigración:

Tecin soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
asi morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el ẍa non me pousará.

Soidade que, mesmo, pode levar á muller ao suicidio:

Eran craro-los días,
risoña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra coma a orfandá.

[...]

Tomóu un día leve
camiño do areal...
Como naide a esperaba,
ela non tornou máis.

Ou a tomar a xustiza pola man ante as aldraxes dos poderosos e a inacción dos gobernantes:

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.

[...]

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.

[...]

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.
I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Moitas das páxinas da obra de Rosalía, ao redor de século e medio despois de seren escritas, seguen a ter unha tremenda vixencia e son retrato e exemplo vivo da vida das nosas devanceiras.

Categorías:

Comparte: