COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

"A inacción da Xunta pode afectar moi negativamente ao sector pesqueiro"

30 de xaneiro de 2024

O pasado 8 de decembro a costa galega volveu ser a localización dun verquido masivo. Como se vén repetindo dende mediados do século XX, parte do material transportado por un cargueiro foi derramado nas proximidades das nosas rías. Se fai algo máis de vinte anos o elemento contaminante era o fuel que transportaba o Prestige, agora son millóns de microplásticos os que ameazan a biodiversidade do noso mar e o medio de vida de centos de familias traballadoras.

A Xunta de Galicia repite o seu particular protocolo de fai 21 anos: non facer nada e permanecer á espera de que ninguén se decate do sucedido, para, máis tarde, encadear disparates en forma de declaracións políticas, escusas e eximirse da responsabilidade que lles obriga como representantes políticos do pobo galego. Da traxedia ecolóxica e laboral que se pode desencadear a partir a vertedura do buque Toconao, súmase a incompetencia política e de xestión do goberno de Rueda. Resulta descorazoador descubrir que, a pesar dos antecedentes, a evidencia demostra que nin se tomaron medidas preventivas para atallar e reaccionar ante sucesos deste tipo nin os responsables volven estar á altura do acontecido.

A única fenda de esperanza nesta sucesión de feitos fatídicos radica, como case sempre, na reacción do pobo traballador organizado. Ao contrario que as autoridades, dende ás poucas horas de facerse público o verquido, e coa aparición dos primeiros pellets ao norte da península do Barbanza, centos de voluntarios organizáronse para xerar quendas e comezar coa limpeza das praias afectadas. Nestas tarefas hai que destacar o traballo de coordinación desenvolvida pola asociación ecoloxista Noia Limpa. Unha vez máis o pobo traballador demostrou maior altura moral e eficacia cos seus gobernantes.

Fai uns días estivemos conversando con José Romarís, mariscador da Ría da Noia e secretario de Plademar Muros-Noia (unha plataforma creada por xente do mar para defender o medio e os intereses da ría). José falounos das súas impresións ao redor da crise ecolóxica provocada pola última vertedura que ameaza á nosas rías. Ademais, valorou á política pesqueira desenvolvida polo Partido Popular nas últimas décadas e denuncia o abandono que, antes Feijóo e agora Rueda, condena a un sector esencial para a economía e a sociedade galega.

Romarís critica a parálise da Xunta ante o verquido de pellets, unha parálise que foi seguida de análises esperpénticos dos responsables da Consellería do Mar, e finalmente da manipulación dos medios de comunicación e da compra de vontades con fin de silenciar o sucedido.

José Romarís tamén destaca a “debacle productiva” que supón a acentuada caída nas capturas de berberecho e da ameixa na Ría de Arousa, e que se traduce na redución dun 80% nestes últimos 20 anos. Unha caída da produción dramática que non mereceu ningunha acción por parte da Consellería de Pesca. Lonxe de investir en investigación para fomentar a produtividade dos bivalvos e frear a mortaldade; a Xunta aposta pola minería depredadora e contaminante, e permítelle ás eléctricas unha xestión anárquica do baleirado das presas que prexudica enormemente ao sector marisqueiro pola dulcificación descontrolada das augas.

Categorías:

Comparte: