COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Á roxas, non nos pararán!

1 de marzo de 2022

Ás roxas non nos han parar. Este 8 de marzo, Día das Mulleres Traballadoras, imos encher as rúas de feminismo, porque os nosos dereitos non se tocan e porque queremos acadar a igualdade real.

Coa axenda feminista imos erradicar as violencias machistas das nosas vidas e cortar de raíz coa axenda misóxina da dereita e ultradereita de PP e VOX, que non só negan a existencia das violencias machistas, senón que van recortar en prevención, atención e protección ás vítimas. É o que fan alá onde gobernan.

En Zaragoza, por exemplo, o PP substituíu os conceptos de violencia machista ou de xénero por violencia intrafamiliar, porque negan a súa existencia, e retiraron o apoio ás concentracións que se realizan mensualmente contra a violencia de xénero dende a federación de asociacións dos barrios.

Na axenda feminista está reformar a lei do aborto para que todas, sen excepción, teñamos dereito a interromper o noso embarazo dun xeito seguro, sen obstáculos nin tutelas e na sanidade pública, mentres que na axenda das dereitas de PP e VOX está impedir o dereito a decidir sobre o noso corpo e a nosa maternidade, e mesmo a criminalización daquelas que o exercen.

É o que fan alá onde gobernan. En Andalucía, en Madrid, en Murcia ou en Zaragoza, o PP subvenciona a entidades antiabortistas que se chantan nas portas das clínicas onde se practican abortos. Estas entidades reciben anualmente fondos públicos mentres que, ao mesmo tempo, se eliminan subvencións a entidades que traballan en proxectos de igualdade.

Coa axenda feminista imos cara á igualdade de oportunidades no acceso ao traballo, a abolición da fenda salarial, o teito de cristal e o chan pegañento, imos cara ao traballo digno para todas, mentres que na axenda das dereitas de PP e VOX está que permanezamos na desigualdade e a precariedade laboral, explotadas, con salarios máis baixos cós dos homes, con máis contratos temporais e a tempo parcial.

É o que tentan, alá onde poden. No Congreso dos deputados e as deputadas, PP e VOX votaron contra a reforma laboral impulsada por Unidas Podemos, unha reforma para a mellora das condicións laborais, especialmente o traballo feminizado, porque limita a temporalidade na contratación.

A axenda feminista inclúe abolir os grandes negocios neoliberais e criminais da trata e a prostitución, en definitiva, o sistema prostitucional, ao que están sometidas miles de mulleres e menores, extremadamente vulnerables. Tamén abolir a compravenda de bebés mediante os úteros de alugueiro, e tamén a pornografía (violenta escola de educación sexual para a mocidade).

É o que fan alá onde gobernan. En España o PP, que gobernou durante 15 anos, mirou para outro lado, malia ser o país que máis prostitución demanda de Europa. As mulleres non son un produto de consumo nin poden ser escravizadas.

Coa axenda feminista imos cara a un sistema de saúde, educación e coidados públicos de calidade, en igualdade e para a igualdade, mentres que na axenda das dereitas de PP e VOX están as políticas de privatización e desmantelamento do público, á vez que queren que nos sigamos educando con roles e estereotipos sexistas que consoliden relacións desiguais e que manteñan ás mulleres ao servizo do capital e os desexos do patriarcado.

Alá onde gobernan acúsannos de adoutrinar. VOX, en Los Barrios (Andalucía), coa implantación do pin parental conseguiu bloquear os talleres de educación afectivo-sexual nos colexios e institutos.

Alá onde gobernan recórtannos en saúde. En Andalucía o PP deixou a centos de mulleres sen hospitais públicos nos que parir na súa área sanitaria e sen matronas, co que se lles están practicando cesáreas indiscriminadamente ou, o que é o mesmo, exercendo sobre elas violencia obstétrica, outra máis das prácticas patriarcais, que con estas profesionais serían evitables.

Alá onde gobernan quérennos escravas. O PP privatiza servizos públicos en Galicia, unha das comunidades coa poboación máis envellecida, sen apenas prazas en residencias públicas de maiores e con falta de persoal profesional, de xeito que seguimos cargando nosoutras cos coidados, as dobres xornadas de traballo e a falta de corresponsabilidade.

Coa axenda feminista queremos defender os dereitos humanos de todas sen exclusións, tamén para as do colectivo LGTBI, mentres que as dereitas, alá onde gobernan, como ocorre en Castilla e León, impediron a tramitación dunha lei polos dereitos LGTBI, impedindo así ás persoas LGTBI unha vida digna, especialmente ás trans.

Ti decides, a axenda feminista ou a das dereitas. Por ti e por todas, este 8 de marzo todas ás rúas!

Categorías:

Comparte: