COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

A sanidade pública de calidade é a base da xustiza social

10 de novembro de 2021

A sanidade pública de calidade é a base da xustiza social

Os recortes de orzamento e o proceso de externalización e privatización que leva sufrindo a sanidade pública de Galicia ten dúas vítimas directas: a clase traballadora e os e as propias empregadas da sanidade.

O goberno do Partido Popular de Feijóo leva moitos anos desmantelando todo servizo público. E desta volta, coa nocturnidade que lle permitiu unha situación de pandemia que nos mantivo a todas na casa, volveu asestar un golpe á calidade da nosa sanidade impoñendo a atención médica telefónica e restando recursos á atención primaria.

Un servizo que é punto principal de detección de calquera doenza e que en consecuencia, provoca un dano directo na saúde das persoas. O peche de centros sanitarios, a redución de persoal, eliminando especialistas, ou as interminables listas de agarda provocan nos e nas usuarias a desesperación e que vexan na sanidade privada a súa única saída.

Onde queda a xustiza social cando a saúde dunha persoa vai en relación á súa capacidade para pagar unha consulta ou un tratamento?

Esta política privatizadora, que ten como fin o enriquecemento empresarial coa saúde das persoas, empeora non só a calidade do servizo senón tamén a calidade do emprego dos e das traballadoras da sanidade. Os contratos de un ou dous días, a incapacidade de coller vacacións ou a inestabilidade son os problemas máis visibles que afronta un corpo de sanitarios e sanitarias que se atopa moral e fisicamente exhausto tras case dous anos de pandemia.

A solución non son cheques turísticos nin aplausos ás 8 da tarde, senón a inversión pública e a fin da externalización de servizos. E, por suposto, a recuperación total da presencialidade e a mellora da atención primaria, promovendo a saúde preventiva fronte á curativa.

Porque un sistema de saúde público, de calidade e universal é o requisito indispensable para construír unha sociedade xusta e unhas condicións de traballo dignas.

Categorías:

Comparte: