COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

A traxedia do bou Eva: unha lembranza no centenario do PCE

22 de abril de 2021

Dende a Comisión organizadora galega do Centenario do PCE, solicitóuseme unha lembranza do que sucedeu o 23 de abril de 1937 no porto de Vigo aos meus avós maternos Ángel Nogueira Nogueira e Carmen Miguel Agra, militantes do noso Partido, da UXT e de Mulleres antifascistas.

Fago pois un resumo do acontecido. Ángel de 29 anos era contable na fábrica de conservas de Gándara y Haz en Guixar e Carmen de 25 anos, coidaba das súas fillas Concha (4 anos) e Carmiña (3 anos). Cando o golpe de estado do 18 de xullo do 36, Ángel participou nas protestas da Porta do Sol e tras axudar a evacuar a varios compañeiros feridos, tivo que esconderse na casa dunha familia amiga. A súa filla Concha aínda lembra que a mandaban moitas veces a esa casa a facer recados, sen poder saber que o seu pai podía así mirala dende detrás dunha falsa parede. E así estivo varios meses, mentres Carmen permanecía na casa coas nenas, pero sendo vixiadas e ameazadas polos falanxistas.

Tiñan que tomar unha decisión e a tomaron. Xunto con outros 7 homes militantes da esquerda (socialistas, republicanos, galeguistas) subiron a un barco de pesca abarloado nun peirao do Berbés (o bou Eva) para agocharse e escapar das represalias dos chamados “nacionales” e lograr ser desembarcados en outro país, quizais Francia. Deixaban atrás familias e proxectos vitais para salvar as súas vidas e poder volver o mais axiña posible a España, en todo caso, cando a Guerra se decantara a favor da República, lexítima representación do Estado español, fronte o golpe militar de Franco. Como todos sabemos isto nunca ocorreu: a República perdeu a guerra, enchéronse as cárceres, as cunetas e as tapias dos cemiterios de cadáveres de homes e mulleres fieis á República e comezou unha longa noite de pedra que durou 40 anos.

Pero volvamos á historia: o feito inesperado de que un mariñeiro subira ao barco e os descubrira, virou dramaticamente o seu destino. Deixárono marchar coa promesa de calar pero este homiño marchou xunto do patrón do barco: “O barco está cheo de roxos!”, seica dixo. Non tardaron en achegarse a Guardia Civil e grupos de falanxistas a rodear o barco. Eles non podían permitir ser arrestados, torturados e mortos. Non se renderon, e cando comezaron a asolagar a bodega con auga quente do barco alxibe do Porto de Vigo, sonaron nove tiros. Nove tiros que estremeceron e seguen a estremecer a cantos homes e mulleres de ben de Vigo, de Galicia, de España e do mundo, combaten o fascismo e plántanlle cara a esta hidra que aínda hoxe segue a perseguir todo intento de superar a barbarie do capitalismo e acadar un mundo mellor, máis xusto, igualitario e fraterno.

Esta traxedia singular, xunto con outras moitas en todo o territorio do Estado, é un exemplar tributo dos homes e mulleres que fundaron o noso Partido e que pagaron coa súa vida o seu compromiso político. Aínda que deu lugar a algúns homenaxes, publicacións e mesmo unha obra de teatro, quizais non foron suficientes. Pero esta historia non remata aquí, pois tanto a súa filla Concha (que aos seus 88 anos segue a mostrar orgullosa o seu carné do PCG e lendo o “Mundo Obrero”) como os seus netos e bisnetos manteñen ese fío vermello e xunto a tantos camaradas, teñen o privilexio e a obriga moral de manter vivas as arelas de liberdade, igualdade e comunismo que comezaron hai 100 anos.

Esta historia, a historia desta “morte lanzal”, en verbas de Rafael Dieste para resaltar a épica do suceso, catapúltase até o presente pois “cada tiro, unha estrela”. A estrela da esperanza nun mundo mellor, nun mundo sen a barbarie capitalista que mantén sumida a gran parte da humanidade na máis indigna pobreza e con múltiples conflitos armados creados a beneficio da industria ornamentista. Pero tamén é a estrela que aparece a carón da fouce e o martelo no símbolo do noso Partido. Na lembranza deles e de tantos outros heroes, berramos rexamente

Viva o Partido Comunista de España!

Jacinto Mosquera Nogueira

Núcleo comunista do Val Miñor

Categorías:

Comparte: