Neste último ano enfrontámonos a realidades moi duras, da man de mulleres que viviron nas súas carnes os aspectos máis macabros dunha das caras do patriarcado. Así, na voz de mulleres como Gisèle Pelicot, facemos fronte ás consecuencias dun sistema que criminaliza, viola e condena ás mulleres. Esta cara tan cruel do machismo tamén arrebata vidas: xa son 42 mulleres e 8 crianzas as asasinadas pola violencia machista.
Ademais, nalgúns dos últimos casos sonados en España, non só se xulga a quen comete a agresión, senón que case sempre se cuestiona á muller que decide conscientemente participar de determinadas prácticas sexuais, saíndo completamente do punto clave, do enfoque que debería determinalo todo cando falamos de sexualidade, o consenso baseado en relacións de igualdade. Parece que tras o debate social en torno ao “soamente si é si”, esváese de novo este consentimento para volver moralizar as prácticas sexuais. O que si cómpre cuestionar é o sistema que sustenta isto e que fai que os cativos, dende que experimentan por primeira vez a súa sexualidade de forma individual xa establezan unha relación directa entre desexo e dominación. Un sistema que se sustenta nos modelos sexuais da pornografía, que sustentan ideolóxicamente un sistema de dominación, que senta as bases da cultura da violación.
Pero o patriarcado é máis ca un axente que opera coa sexualidade das mulleres. Insírese nas estruturas do estado capitalista, ben sexa a partir das organizacións relixiosas, da educación –que en España continúa en boa medida controlada pola igrexa católica–, da cultura, que cousifica ás mulleres e, en xeral, da mercantilización de todos os ámbitos da vida cotiá. A mingua do salario indirecto ten maiores consecuencias para as mulleres, xa que o aumento nos custos da reprodución da vida recae especialmente nas súas costas, ao fallar un sistema de coidados que ía temperando a situación a grazas a servizos, tanto públicos coma privados, aos que moitas familias terán que renunciar, ben polo deterioro dos públicos, ben pola incapacidade de acceso aos privados.
Pero tamén afecta dobremente ás violencias que exerce o capitalismo contra a clase obreira, xa que son as que menos salario perciben, coa conseguinte diminución na capacidade de acceder a unha vivenda digna, á conciliación, etc.
Durante anos, o movemento feminista foi quen de opoñerse aos gobernos que negociaron coas nosas vidas, neste sistema, e plantamos cara para defender o dereito ao aborto, para subliñar a importancia do consentimento, etc. Mais non é dabondo e non vai ser o estado o que garantirá a liberación das mulleres da violencia machista. O estado burgués susténtase na protección da esfera privada e nas relacións privadas, onde as mulleres foron tradicionalmente recluídas e onde as violencias non se consideraban como un asunto político. Somos nós, mulleres e homes organizadas as que xeramos os espazos de seguridade mutua, de confrontación e de loita ideolóxica e cultural para acabar coa dupla do patriarcado e o capital.
A vida das mulleres é incompatible cun sistema capitalista e patriarcal que nos asasina e nos leva a unha vida de explotación.
Este 25N, saímos ás rúas para tombar o sistema!