A vida das mulleres é incompatible co sistema capitalista e patriarcal: acabar co sistema para un futuro sin violencias machistas.
Estamos a finalizar un ano con cifras arrepiantes de violencia machista. Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, son 52 os casos de feminicidios rexistrados no que levamos de 2023. Destas vítimas, 13 presentaran previamente denuncia por malos tratos e unicamente catro contaban con medidas preventivas vixentes. Neste rexistro, por outra banda, non se inclúen outros asasinatos que aínda están en investigación ou que non foron cometidos pola parella da vítima, senón por outros homes, da familia ou alleos, ou o asasinato de tres mulleres en situación de prostitución. Tamén hai que lamentar o asasinato de dúas crianzas por violencia vicaria e as máis de 50 que quedaron orfas.
Comprobamos unha vez máis como o patriarcado se insire nas estruturas do estado capitalista, ben sexa a partir das organizacións relixiosas, da educación –que en España continúa en boa medida controlada pola igrexa católica–, da cultura, que cosifica ás mulleres, e en xeral, da mercantilización de todos os ámbitos da vida cotiá. O deterioro dos servizos públicos, a perda do poder adquisitivo dos salarios ou as dificultades para acceder a unha vivenda digna provocan que as mulleres da clase traballadora teñan maiores dificultades para emanciparse dunha relación de maltrato, arriscando con isto a súa seguridade e a dos seus fillos e fillas.
Outro aspecto que incide na violencia contra as mulleres é a crecente normalización da explotación sexual e reprodutiva. Nos medios de comunicación proliferan entrevistas a personaxes famosos que accederon á maternidade ou paternidade por medio da mal chamada xestación subrogada, que non é máis que compra de bebés a mulleres empobrecidas noutros países, mentres que crecen as presións para que se legalice esta práctica en España. A demanda para que se regule a prostitución, separándoa da trata e centrándose nuns supostos dereitos das “traballadoras sexuais”, non fai máis que branquear aos proxenetas e aos puteiros, xa que sen demanda non existiría oferta.
A outra pata desta explotación, a pornografía, está a chegar aos menores dende os oito anos, con escenas comúns de maltrato, violacións, torturas e asasinatos, que as crianzas van normalizando como unha escola de sexo. A proliferación de casos de violacións en manada cometidas por menores e mozos é unha proba clara de que o porno é cada vez máis un modelo a seguir a falta dunha educación sexoafectiva e en valores.
Por todo o exposto, dende o PCG queremos esixir:
- Que dende os corpos policiais ata a xudicatura se cree un sistema eficaz de protección das mulleres, que inclúa unha formación feminista e maior dotación de medios materiais e humanos.
- Que se garantan unhas condicións de vida dignas para que as mulleres poidan abandonar ao maltratador e comezar unha vida independente.
- A coeducación nas escolas, laica e libre de sexismo.
- Que se poñan en marcha medidas a prol da abolición da prostitución e a pornografía.
- Que se derrogue a Instrución de 5 de outubro de 2010 sobre réxime rexistral da filiación dos nados mediante explotación reprodutiva no estranxeiro.
A vida das mulleres é incompatible cun sistema capitalista e patriarcal que nos asasina e nos leva a unha vida de explotación.
Este 25N, saímos as rúas para tumbar o sistema!