Jorge Crego Blanco Secretario Nacional do Partido Comunista de Galicia
|
O vindeiro 28 de maio os e as galegas están chamadas ás urnas para elixir a composición dos máis de 300 concellos do país. A cita electoral prodúcese tras dúas eleccións municipais, 2015 e 2019, marcadas polo ascenso das candidaturas de unidade acadadas a nivel municipal e aínda influídas polo ciclo mobilizador iniciado en 2010/2011 con sucesivas folgas xerais e o movemento do 15M. A aposta pola unidade, a política institucional centrada na participación veciñal e a mellora da situación da clase obreira e as capas populares seguen a ser os piares sobre os que debe asentarse unha política municipal de esquerda e verdadeiramente transformadora.
Nos máis de cen anos da súa historia, o Partido Comunista de Galicia constatou a través da experiencia as condicións para unha política municipal valiosa para a clase obreira. Os acertos e os fracasos desa experiencia permiten clarificar as tarefas das candidaturas que pretendan continuar na senda iniciada en 2015 perfeccionando unha política municipalista próxima á veciñanza mais tamén consciente da necesidade de transcender os límites dos nosos concellos.
o compromiso do PCG pola unidade é o compromiso pola construción de movementos municipais nos que poida e queira incorporarse o groso da veciñanza
Sería un erro non recoñecer o retroceso das candidaturas xurdidas en 2015 ao calor da unidade e a mobilización social. Porén, un erro máis grave sería desbotar a proposta da unidade como ferramenta determinante na construción de movementos municipais capaces de poñer o concello a traballar a prol da clase obreira. O PCG ten unha longa historia de traballo pola unidade, dende a proposta da Fronte Popular até a participación nas mareas municipalistas de 2015. Nesas experiencias tamén existen momentos nos que a política da unidade non foi comprendida e se transformou nun entreguismo no que o primeiro damnificado foi o propio PCG. Porén, o compromiso do PCG pola unidade é o compromiso pola construción de movementos municipais nos que poida e queira incorporarse o groso da veciñanza, os e as traballadoras, pequenos propietarios e persoas da cultura que senten o ataque da patronal, as políticas caciquís en certos concellos, a presión da Unión Europea e o desleixo das institucións. A unidade á que sempre aspirou o PCG é a unidade que ilusione a veciñanza e a incorpore ao traballo político. A unidade conxuntural, de partidos ou de individuos, na que o único que prima é a representación municipal e que, rematadas as eleccións, renuncia a mobilizar e activar a veciñanza ten amosado o seu carácter prexudicial e non é quen de atraer de forma estable a unha veciñanza desexosa de tomar a iniciativa en lugar de entregala ás concelleiras.
Os problemas deste tipo de unidade xa foron sinalados na experiencia do PCE coa Fronte Popular nos anos trinta. Togliatti, enviado pola Internacional a España, sinalaba que un erro da proposta frontepopulista foi o esforzo dos dirixentes por “impedir a participación activa e continuada das masas, sobre bases democráticas, na dirección da vida política”. Lonxe de desbotar a unidade por mor das limitacións atopadas durante os últimos oito anos, a solución pasa por fortalecer a participación popular na construción de verdadeiros movementos da veciñanza.
A relevancia da participación veciñal non é só unha cuestión permanente nos programas electorais das candidaturas nas que se insire o Partido Comunista de Galicia. A historia do PCG tamén certifica que esta visión vén de lonxe. O Partido traballou nas primeiras eleccións municipais da democracia, en 1979, pola elaboración de regulamentos de participación nos concellos, que en moitos casos foron freados pola oposición da dereita e a frialdade do PSOE. Tamén loitou por rachar co caciquismo herdado do franquismo. É coñecido o famoso lema da primeira campaña municipal: “Quita un cacique, elixe un alcalde” e a loita por que a burocracia duns concellos aínda asentados na ditadura non frease os anhelos da vontade popular. O período que comeza en 2023 presenta uns retos similares aos de 1979 e a necesidade de rachar co caciquismo e coa suplantación da mobilización veciñal pola representación segue a ser unha prioridade.
Xa o programa para as eleccións de 1979 (...) destacaba a importancia de conservar e rescatar o patrimonio municipal dos bens comunais, a vixilancia da natureza e a protección do ambiente, a potenciación de industrias xeradoras de postos de traballo ou as políticas de vivenda social.
O Partido Comunista de Galicia tamén foi pioneiro na identificación das liñas centrais de calquera proxecto municipal ao servizo do pobo. Xa o programa para as eleccións de 1979 destacaba o carácter político e non puramente técnico das eleccións municipais, fronte a discursos tecnocráticos de corte antidemocrático. O programa destacaba a importancia de conservar e rescatar o patrimonio municipal dos bens comunais, a vixilancia da natureza e a protección do ambiente, a potenciación de industrias xeradoras de postos de traballo ou as políticas de vivenda social. As esixencias principais para mellorar os nosos concellos coinciden máis de corenta anos despois.
No marco desta proposta política a prestación pública de servizos e bens é unha política clave. Primeiro pola necesidade de remunicipalización que asegure a prestación de servizos de calidade na que o beneficio privado non sexa o criterio central, mellorando a situación da clase obreira. Pero tamén pola importancia que a remunicipalización ten para asegurar a democracia. Non abonda con arrancar certos bens e servizos da lóxica mercantil capitalista, senón que é fundamental incorporar a idea da planificación veciñal como eixo de participación no que tomemos as rendas da construción consciente da nosa sociedade. É a veciñanza a que debe rexer a dirección da política municipal e isto dunha forma participada e directa. A verdadeira planificación do desenvolvemento das nosas cidades e vilas ten como condición a expansión dos eidos de decisión, recuperando para a política municipal as decisións relativas á prestación de servizos hoxe privatizados.
A partir do 29 de maio o reto será entón achegar a política municipal á veciñanza, facéndoa partícipe da construcións duns concellos que sirvan de apoio para as loitas populares por desenvolver.
En definitiva, o fortalecemento da política municipal pasa pola incorporación da veciñanza á participación nas decisións e no desenvolvemento dos asuntos centrais das súas vidas, así como no desenvolvemento de políticas dirixidas a mellorar a vida da clase obreira e as capas populares a través da remunicipalización. Para isto, a unidade debe sustentarse na participación activa e continuada da veciñanza; ten que ser unha unidade construída a través da acción da veciñanza e que non afogue a iniciativa e a capacidade que cada veciño e veciña ten para transformar directamente o seu concello. Esta aposta pola unidade plásmase en candidaturas como a de Por Coruña, Marea de Vigo, Compostela Aberta ou Ponteareas en Común, unhas das tantas candidaturas municipais nas que o Partido Comunista de Galicia se compromete a traballar en favor da clase obreira. A partir do 29 de maio o reto será entón achegar a política municipal á veciñanza, facéndoa partícipe da construcións duns concellos que sirvan de apoio para as loitas populares por desenvolver.