COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Arranca a folga do sector do metal na provincia da Coruña

9 de maio de 2022

Eran as 5 da mañá cando iniciaba a preparación da xornada de folga no sector do metal en toda a provincia da Coruña. Trátase da primeira xornada de catro (5, 12, 18 e 19 de maio), dirixidas a esixir a negociación axeitada do convenio provincial do sector do metal. Durante a xornada de folga, o Secretario Xeral do sindicato comarcal de CCOO Industria da Coruña coméntanos a relevancia deste convenio, que cubre a máis de 16.500 traballadores e traballadoras de toda a provincia.

A folga, sinala, xorde como resposta “a paralización por parte da patronal e o secuestro do convenio colectivo”. A negociación do convenio leva aberta dende 2019 e, descontando 2020 polas circunstancias excepcionais que impactaron a toda a sociedade, xa vai máis dun ano sen que haxa sinais de achegamento por parte da patronal. Nun contexto como o actual, de incertezas provocadas pola pandemia e inflación, resulta máis necesario que nunca protexer a situación da clase obreira. Pola contra, a patronal aproveita o escenario para tensar unha corda que, coa convocatoria de folga, parece pronta a rachar. A patronal pretende impoñer a conxelación de salarios, unha vixencia de seis anos e a non revisión dos atrasos. Esta proposta resultou inaceptable para os sindicatos (CCOO, UXT e CIG), polo que decidiron comezar estas xornadas de folga.

A primeira xornada de folga, considerada como un éxito rotundo polos sindicatos, transcorreu con normalidade ás portas de diversas empresas do sector, destacando Alumán e o antigo Grupo Camaño. Durante a mañá, antes do comezo da mobilización centos de traballadores compuxeron un piquete informativo que percorreu o polígono da Grela, dialogando cos traballadores e traballadoras convocadas á folga e informando dos vindeiros días nos que se prevé que a presión se redobre.

O secretario comarcal de CCOO Industria da Coruña sinalaba a posibilidade de que a patronal reconsiderase a súa postura antes do comezo da seguinte xornada, que será este xoves. Porén, o escenario máis esperado é a negativa por parte da patronal, situación na que os e as traballadoras continuarán coa loita por un convenio que respecte as esixencias do sector.

Como este cinco de maio, o Partido Comunista de Galicia seguirá esta semana ao carón dos cadros de persoal en folga, nas diversas cidades e vilas da provincia da Coruña.

Categorías: A Coruña Movemento Obreiro

Comparte: