COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

As orixes do Partido Comunista en Galicia (1920-1936)

16 de abril de 2021

A historia dos comunismos español e galego comenzou en outubro de 1917, cando os bolxeviques se fixeron co poder en Rusia. A constitución da Internacional Comunista —IC, a III Internacional— en 1919 e a súa chamada á adhesión das organizacións obreiras está nas orixes dos partidos comunistas. Da federación xuvenil do PSOE naceu o Partido Comunista Español (abril de 1920). O Partido Socialista discutiu á posibilidade de se adherir á IC e o debate rematou na escisión na que os terceiristas crearon o Partido Comunista Obrero Español (abril de 1921).

Meses despois, os delegados da III Internacional en España potenciaron a unificación das dúas organizacións comunistas: en novembro de 1921 naceu o Partido Comunista de España.A militancia galega fundou aFederación Comunista de Galicia o 30 de abril de 1923.

En setembro de 1923, comezou a ditadura de Primo de Rivera e, con ela, a persecución dunha organización con estruturas aínda moi febles, que rematou a década dos anos vinte con menos de douscentos carnés. Non parece unha estrutura moi sólida para entrar nun novo réxime, a II República, que foi recibida polos comunistas como un sistema burgués que había que derrocar en nome dos sóviets.

A participación dos comunistas—presentes nos órganos centrais de dirección: José Silva, Jesús Garrote de Vigo, Benigno Álvarez— nos importantes conflitos do ano 1932 (o pesqueiro de Vigo, a folga da Construcción Naval de Ferrol e as loitas na construcción do ferrocarril Zamora-A Coruña) no se traduciu nun destado incremento da afiliación. Atópase militancia nas grandes cidades e en vilas da costa, precisamente onde houbo terceiristas. Unha segunda característica da xeografía comunista galega é a concentración das súas organizacións nunha faixa do interior que recolle,grosso modo, os límites das catro provincias e os concellos próximos.

O avance afiliativo nos tempos republicanos foi moi lento: 241 membros en xaneiro de 1933; á metade do mes de xuño de 1933 había 729 cotizantes. A represión tralo fracaso da Revolución de Asturias, cando os comunistas declararon a folga xeral nas catro capitais provinciais e nalgunhas vilas, non foi de axuda para unha organización que se presentou a todas as convocatorias electorais republicanas con magros resultados. Houbo que esperar ao año 1936 para que a situación empezase a cambiar.

Como calquera outro partido pertencente á IC, a organización rexíase polo centralismo democrático. A afiliación tiña a obriga de pagar a cota mensual, de pertencer ao sindicato do seu oficio que lle indicase o comité local, de realizar labores de axitación e propaganda en datas case rituais (1º de Maio, campañas contra a carestía da vida, contra o paro forzoso etc.). A súa educación política baseábase na lectura da prensa de partido; os proxectos de publicarGalicia roja quedaron inconclusos. A formación política adquiríase tamén nas escolas do Partido, tanto en Moscova (é o caso de Jesús Liste “Enrique Líster”), como en Madrid, onde se atopaba o 18 de xullo de 1936, o futuro secretario xeral do PCG, Santiago Álvarez.

Existiron receos ante a entrada de membros non obreiros no Partido, aínda que a afiliación de procedencia “burguesa” ou “pequenoburguesa” ocupou cargos de responsabilidade. Entre os líderes, destaca, en primeiro lugar, un núcleo de dirixentes procedentes das filas socialistas, moitos deles con militancia sindical. Cando se fala de militancia é convinte facelo en masculino.

Aínda que coñecemos os nomes dalgunhas militantes (Isabel Ríos, Amalia Figueroa, Jesusa Prado), cómpre recordar as palabras de Dolores Ibárruri,  “secretaria feminina” do PCE en 1932: “Algunos de los que blasonan de ser hombres avanzados y progresivos cuando se les habla de que su mujer debe pertenecer a una organización o a un partido, o de que su mujer debe tomar parte activa en la lucha, contestan siempre con la misma cantinela: Mi mujer no sabe; mi mujer no entiende; mi mujer tiene muchos hijos”.

O PCE promovía o encadramento da poboación menor nos pioneiros vermellos: dos 2.875 repartidos por toda España, 300 procedían de Galicia (Vigo e Maceda). As Xuventudes Comunistas tiñan 250 militantes en novembro de 1932. Integradas nas Xuventudes Socialistas Unificadas desfilaron con camisa azul e gravata vermella —uniforme das Milicias Antifascistas Obreiras e Campesiñas— na concentración antifascista no Campo Barreiro (Vigo) en maio de 1936. Temos tamén constancia da existencia de Amigos da Unión Soviética, Socorro Vermello Internacional e a Federación Cultural Deportiva Obrera.

O PCE a penas tivo base sindical nos seus primeiros anos de vida. A súa influencia orixinal limitábase ás provincias de Biscaia, Asturias, Madrid e Pontevedra, Vigo e Ferrol. A súa errática política sindical (primero coa presenza na UGT, da que foron expulsados os “sindicatos vermellos”; despois co intento de copar a CNT) facía a militancia comunista no fose identificada co seu partido. Xa en tempos da República, o PCE, de acordo coas directrices da IC, creou a Central General de Trabajadores Unitaria, que foi absorbida pola UGT.

O traballo comunista entre os labregos estivo inicialmente marcado pola desconfianza ante o campesiñado dende que o I Congreso do PCE (1922) proclamara que “La agricultura y los agricultores son el escollo principal en que tropezarían las nuevas instituciones comunistas”. Foi importante a presenza comunista na Federación Comarcal Agraria de Pontevedra. A culminación do labor comunista en Ourense foi a creación da Federación Campesiña Provincial de Ourense, encabezada por Benigno Álvarez e con Santiago Álvarez como delegado por Valdeorras.

A primeira metade de 1936 estivo marcada para a Federación Galega do PCE por dous acontecementos políticos fundamentais: as eleccións de febreiro e a campaña pro-Estatuto de Autonomía.

A política de frentes populares promovida pola IC dende agosto de 1935, supuxo a participación dos comunistas nas candidaturas unitarias antifascistas da Fronte Popular.  Os galegos conseguiron colocar dous do seus homes —Benigno Álvarez, por Ourense, e Adriano Romero Cachinero, por Pontevedra— como candidatos; sen dúbida un éxito, aínda que un deles fose cordobés. Ademais, os resultados electorais de 1936 deron ao PCE unha acta de deputado por Pontevedra. Produciuse en paralelo un incremento da afiliación: entre marzo e xullo de 1936 o PCE chegou a ter 118.763 afiliados e afilidas en España, dos cales 7.540 pertencían a Galicia.

Dende que comezara o proceso estatutario en Galicia en xuño de 1931 ata a constitución da Frente Popular, os comunistas galegos atacaron o proxecto de estatuto co argumento de que non recoñecía o dereito da autodeterminación. Dende principios de 1936, a Federación Galega e o mesmo PCE efectuaron unha auténtica viraxe nesta cuestión, converténdose en férreos defensores do Estatuto.

Cabe preguntarse a razón pola que esa postura a favor do Estatuto de Autonomía no se viu acompañada da creación dun partido comunista de Galicia nos anos da II República. Existen referencias a proxectos nesa dirección, pero son sempre  posteriores. No caso de producírense realmente eses intentos, foi a Guerra Civil a causa da paralización do proxecto? Era a implantación da Federación Galega o que desaconsellaba crear un partido propio? Optaron os comunistas españois pola creación de partidos autónomos exclusivamente naquelas comunidades onde a forza do nacionalismo se consideraba poderosa dabondo como para impedir a implantación do Partido Comunista? De calquera xeito, calquera posible intento de fundar un Partido Comunista de Galicia antes de 1936 foi truncado pola sublevación de xullo de 1936. O nacemento do PCG se demorará varias décadas.

Víctor Manuel Santidrián Arias.

 

 

Categorías:

Comparte: