COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

DE ABEL CABALLERO A PEDRO SÁNCHEZ, PASANDO POR INÉS REY: A CONEXIÓN DO PSOE CON ISRAEL E A GUERRA NON DESAPARECE RACHANDO UN CONTRATO

26 de abril de 2025

Durante os últimos días, nun intento por protexer o goberno, Sánchez anunciaba a ruptura dun contrato de balas cunha empresa israelí. O que un día antes era imposible, celebrábase despois como un éxito. Sumar atribúese a capacidade de domar o PSOE e Sánchez atribúese a integridade de poñer os principios por enriba do diñeiro. Mentres cada quen trata de arrogarse o éxito, a realidade é que, seguramente, o diñeiro vaia igualmente ao peto da empresa israelí. O dano xa está feito. Ademais, a escalada armamentística do goberno de coalición e os vínculos contractuais con Israel permanecen.

O único que amosa este episodio da vida do goberno é que os vínculos do PSOE co Estado de Israel non se rachan simplemente resolvendo un contrato. Se a negativa a comprar armas a Israel fose unha cuestión de principios, non existirían ducias de contratos deste tipo, nin sería necesario esperar a que Israel aniquilase grande parte da poboación gazatí para comprender que leva décadas despregando unha política xenocida en Palestina.

Este 25 de abril, O Salto publicaba que os concellos da Coruña e Vigo, dirixidos polo PSdeG-PSOE, celebraron contratos coa empresa militar Guardian Homeland Security SA, a mesma cuxo contrato co goberno central provocou as tensións na coalición tras a Semana Santa. O problema do PSOE non é a sinatura dun contrato concreto, senón a política sistemática de conivencia co xenocidio israelí, combinada con pingas de apoio de palabra á causa palestina cando beneficia a súa imaxe. Se o PSOE se movese por principios na cuestión palestina, comprendería que subsidiar o xenocidio a través da compra de armas testadas nos corpos palestinos co apoio do goberno de Israel non é xustificable nin agora nin antes da última invasión a Gaza.

Desde o PCG condenamos o colaboracionismo do PSdeG co xenocidio palestino e esiximos responsabilidades pola compra de armamento militar israelí. Porén, non nos contentamos nin con renuncias nin con anulacións de contratos. O PSOE amosa na política diaria que a causa palestina non está por enriba das necesidades das institucións do país. Cando os medios, colectivos sociais ou outros partidos sinalan un contrato, pode que sexa quen de aparentar dureza e dar pasos atrás. Porén, cando os focos non apuntan ao seu quefacer, o PSOE considera Israel un socio máis, un axente lexítimo co que facer negocios. Nese día a día, o xenocidio palestino carece de relevancia.

Resolto o asunto do contrato específico, o goberno de Sánchez continúa a súa política militarista e trata de desviar a atención dos demais contratos aínda en vigor. Sánchez non está disposto a que a opinión pública lle impida cumprir coas esixencias da OTAN e da UE. Ao fin e ao cabo, o seu futuro político depende da súa submisión a estes poderes imperialistas, e nada lle importa a Pedro Sánchez máis que o seu propio futuro político. Mentres a esquerda siga sometida ás decisións do PSOE, a expansión militarista e a conivencia co xenocidio palestino pesarán como unha lousa no seu lombo.

Contrario ao que se pretende defender, o PSOE non é socio de ningún partido que decida sentarse ao seu carón no Consello de Ministros. Os socios do PSOE son a OTAN e a UE, así como as esixencias do capital europeo. Mentres parece que debemos conformarnos con que Sánchez rachase un contrato con Israel, os fíos que atan o PSOE ao militarismo, ao imperialismo e ao capital seguen actuando e seguen tirando de España nunha dirección oposta ao internacionalismo e aos intereses dos pobos. Sen rachar co PSOE non será posible rachar con Israel, co belicismo da UE e da OTAN, e cos intereses do capital europeo.

Categorías:

Comparte: