COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

DECLARACIÓN POLÍTICA DO XV CONGRESO DO PCG

6 de decembro de 2022

            Cando en 1848 Marx e Engels publicaron o Manifesto do Partido Comunista e falaron da pantasma que percorría Europa, xa advertiron sobre “a acusación estigmatizante de comunismo” que as forzas reaccionarias utilizaban para referirse a calquera elemento ou acción de oposición ao sistema capitalista, con dúas consecuencias principais: en primeiro lugar, os estados europeos estaban a recoñecer explicitamente ao comunismo como unha auténtica potencia; en segundo lugar, indicaba a necesidade dos comunistas de mostrar abertamente ao mundo enteiro as súas ideas, os seus principios e as súas aspiracións. 175 anos despois, a pantasma do comunismo continúa sendo axitada por sectores reaccionarios en todo o planeta pretendendo atemorizar á poboación e tratando de conseguir vía libre ao proceso de explotación capitalista. Hoxe como onte, as súas alarmas significan o recoñecemento do comunismo como a única alternativa real ao sistema capitalista, a pesar de que tras a caída do bloque soviético xa se aventuraron a proclamar “o fin da Historia”. O certo é que hoxe o mundo é máis inseguro, máis inxusto e máis desigual que hai trinta anos, e que o capitalismo non só entrou nunha crise estrutural, senón que ameaza a propia existencia do planeta.

            Por estes e outros motivos, no PCG amosamos abertamente o noso orgullo, a nosa honra e a nosa satisfacción por continuar defendendo as ideas, os principios e os valores que levamos defendendo nos nosos 101 anos de historia ininterrompida, onde o Partido mantívose organizado mesmo a pesar das ditaduras, a represión, o exilio ou a clandestinidade.

            Levamos defendendo a unidade desde o noso nacemento como un dos principios básicos da nosa acción política. Por iso somos o Partido da Fronte Popular, das Milicias Populares Galegas, do Quinto Rexemento. O Partido de Enrique Líster e Santiago Álvarez, da guerrilla antifranquista, do maquis, dos campos de batalla contra o fascismo e o nazismo, e tamén o Partido que sufriu os cárceres e os campos de concentración.

            Cando algúns sufrían de amnesia e outros nin sequera existían, o noso Partido organizaba as mobilizacións de Castrelo de Miño, do Non pagar, as Comisións Obreiras e as Comisións Campesiñas. Hai 50 anos, o 10 de marzo de 1972, desafiamos á ditadura no propio berce do sátrapa, escribindo unha das páxinas máis heroicas do movemento obreiro na Historia de Galicia, que converteu oficialmente o 10 de marzo na data de celebración de toda a clase obreira galega. Aquelas mobilizacións tiveron continuidade na exitosa folga xeral de Vigo en setembro dese mesmo ano.

            Fomos fundamentais os comunistas e as comunistas na conquista da democracia, aínda que a nosa proposta de ruptura democrática co Réxime se vise superada pola imposición do proceso de reforma impulsado desde o outro lado do Atlántico, que seguiu a máxima lampedusiana de “cambialo todo para que todo siga igual”. Daqueles pos estas lamas. De aí parte a actual crise do sistema político-institucional do Réxime do 78.

            Somos igualmente o Partido que perfilou o actual Estatuto de Autonomía e que o loitou nas rúas. O Partido que estivo sempre á beira do movemento feminista. O Partido que encabezou as loitas contra a entrada de España na OTAN, cuxas mobilizacións foron o xerme do nacemento de Esquerda Unida. Lamentablemente, hoxe a OTAN móstrase como unha alianza global para reforzar as ambicións imperiais dos EUA e os privilexios da elite europea. Somos tamén o Partido da solidariedade internacionalista.

            Pero non apelamos á nosa Historia por simple nostalxia, senón porque reivindicamos o noso pasado para construír o próximo futuro. Somos comunistas porque onte, hoxe e mañá, aspiramos a unha sociedade sen clases, sen explotados nin explotadores, onde a igualdade, a liberdade, a solidariedade e a xustiza social sexan os valores fundamentais que rexan a nova orde social. Porque aspiramos á Revolución, que o camarada Fidel Castro definiu impecablemente: “Revolución es convicción profunda de que no existe fuerza en el mundo capaz de aplastar la fuerza de la verdad y las ideas”.

Viva o Partido Comunista de Galicia!

Viva o Xuventude Comunista de Galicia!

 

Categorías:

Comparte: