COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

10 de febreiro de 2024

Este domingo celébrase o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, instaurado dende 2015 pola ONU para promover a integración en pé de igualdade das mulleres e nenas no eido STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Vese que as mulleres están claramente infrarrepresentadas nos estudos destes ámbitos, que son, por outra banda os de maior empregabilidade e que contan con mellores condicións laborais e unha consideración social máis positiva. Fronte a isto, nos ámbitos de Humanidades, Ensino e Saúde son maioritarias as mulleres. Con datos do curso 2022-23 do Instituto de las Mujeres, en ámbitos como as enxeñarías son un 26,9%, ou un 16,3% as estudantes de Informática. Con respecto ao ámbito científico, mentres que son maioría as matriculadas en ciencias relacionadas coa saúde (61,6%), unicamente son un 42,8% de ciencias físicas ou un 37,1% en matemáticas.

Xa dende a construción da personalidade na infancia, está claro que existe unha segregación entre os valores do privado e dos coidados para as nenas e da competición, a acción e recoñecemento público para os varóns. Estes estereotipos, xunto coa falta de referentes para as rapazas, fai que moitas poidan renunciar á súa vocación en estudos científicos ou tecnolóxicos.

Polo que respecta ao ámbito académico, a incorporación das mulleres neste país non se produciu ata principios do século XX, ao que hai que engadir o retroceso que supuxeron as décadas da ditadura franquista, que as pechou nas súas casas. Debido a isto, as universidades son aínda unha estrutura moi masculinizada e con dinámicas machistas nas carreiras científicas e tecnolóxicas.

Tamén é androcéntrica a aproximación que se fai na ciencia, como podemos ver no caso das ciencias da saúde, onde para as investigacións se tomaba como universal a fisioloxía masculina, o que deriva en erros de diagnóstico e tratamento.

Hai factores que fan que esta situación se cronifique, como as duplas/triplas xornadas, que fai moi difícil que as mulleres poidan acadar os mesmos resultados cós homes. Hai varios estudos que demostran que durante o confinamento causado pola covid, a maioría dos homes tiveron un avance sensiblemente maior cás mulleres na súa actividade de investigación, co que se agravou a fenda de xénero que xa existía previamente, ao que hai que engadir a incorporación máis tardía das mulleres ao traballo presencial durante os períodos de alarma. A fenda é, polo tanto, unha fenda de coidados.

É necesaria unha verdadeira coeducación dende os primeiros anos, que elimine estereotipos sexistas e fomente as capacidades de todas as crianzas, independentemente do sexo. Neste sentido, é preciso desenvolver o interese das nenas polos saberes científicos e tecnolóxicos e tamén os valores da empatía, do ensino, da saúde e dos coidados entre os rapaces e conseguir que estas saídas profesionais teñan un prestixio igual, dada a súa importancia para a reprodución social e o desenvolvemento da vida.

Categorías:

Comparte: