COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Dous traballadores perden a vida nun asteleiro en Ferrol: non son accidentes, é terrorismo patronal

23 de outubro de 2024

No que vai de 2024 xa perderon a vida 590 traballadores. 40 máis que no mesmo período de 2023, un aumento de máis do 11%. As estatísticas son de pánico: as mortes por caída aumentan un 31,3%. Os impactos por obxectos, atrapamentos, aplastamentos e amputacións aumentan un 12,7%. Por outra banda, os infartos e derrames cerebrais increméntanse nun 2,4%, mentres que as mortes in itínere foron 103.

Hai unha semana, dous compañeiros traballadores do naval na comarca de Ferrol, foron gravemente feridos por queimaduras no asteleiro Blascar (antiga Astafersa), resultando finalmente mortos tras agonizar unha semana. Entre os traballadores este asteleiro ten sona de “furado negro” onde a seguridade é secundaria e que xa rexistrou outros accidentes graves, como a escoradura dun buque en grada en 2021.

Alguén se imaxina que cada día morresen dous concelleiros, ou deputados, xuíces, policías ou futbolistas? Unha taxa de mortes así xeraría una resposta contundente e inmediata por parte do Estado. Pero como os que perden a vida son traballadores, as cifras son asumibles e o final resulta nunha fría estatística que de cando en vez xera molestos titulares de prensa.

A prevención é ineficiente ou resulta inexistente. O cumprimento da normativa de seguridade e prevención é practicamente nula en sectores con alta taxa de traballo precario ou somerxido. Accidentes e mortos se multiplican entre traballadores eventuais e mozos. Falla de seguridade e eventualidade son consecuencias necesarias da explotación da clase traballadora por parte dos patróns. Estas mortes non son “accidentes”, son pura e simplemente terrorismo patronal. Para os capitalistas, as nosas vidas son outro dos “factores de produción” que se axustan ou se desbotan a súa conveniencia para obter os beneficios esperados.

A meirande parte dos accidentes mortais ocorren en empresas sen representación sindical e sen delegado de prevención que vele por que se cumpran as normativas en prevención de riscos laborais. Se así fose, grande parte dos accidentes non terían ocorrido.

Non podemos esquecer o papel desas mafias chamadas mutuas amparando esta lacra e converténdose en cómplices da violencia empresarial.

Os sindicatos de clase deben encabezar a batalla necesaria contra a inseguridade no traballo. Os que non o fagan, serán cómplices e debemos entón ser nos, os traballadores, os que nos organicemos para denunciar e combater os empresarios terroristas.

O Núcleo de Ferrolterra do PCG lamenta o pasamento dos compañeiros traballadores e transmite o seu pesar e una forte aperta a familiares e amigos. Do mesmo xeito, condeamos con rotundidade cada unha das mortes laborais producidas por un sistema capitalista inxusto. Instamos á clase traballadora a organizarse e presionar mediante a folga para forzar ó goberno a tomar medidas contundentes e efectivas para que non morra ningún traballador máis.

Categorías:

Comparte: