A plantilla da multinacional LIDL SUPERMERCADOS, no seu almacén loxístico do Polígono de Río do Pozo en Narón, leva dende o 14 de febreiro en folga indefinida. Son xa máis de 40 días dun paro que conta co seguimento e apoio da práctica totalidade dos 150 integrantes da plantilla de persoal mentres a Dirección da empresa négase a discutir co comité de folga calquera posible solución.
A causa do conflito son os reiterados incumprimentos do convenio colectivo por parte de LIDL. Entre outras cousas, a patronal impón horas extraordinarias por riba dos límites legais, razón pola cal a Xunta de Galicia xa abriu expediente sancionador contra a cadea de supermercados. Por riba, LIDL leva a cabo prácticas que vulneran o dereito á folga, facendo dumpin ó fornecer ás súas tendas dende outros centros loxísticos.
En 2021, LIDL acadou uns beneficios históricos de 190 millóns de euros, que foron superados polos de 2022. Estes beneficios son o resultado de explotar e roubar ós traballadores, ó rebaixar as condicións laborais e salariais.
O Núcleo Comarcal do Partido Comunista de Galicia ofrece á plantilla o seu total e solidario apoio nas súas xustas reivindicacións.
Esiximos a LIDL que cumpra a lexislación laboral vixente e o pactado no convenio. LIDL debe cesar de inmediato as prácticas de terrorismo patronal, as ameazas e ataques ós dereitos sindicais e contra o lexitimo dereito á folga da plantilla.
É indecente que LIDL estea a xogar co pan de 150 familias. Dende o PCG pedimos á toda a clase obreira da comarca a sumarse ó apoio ás compañeiras traballadoras e traballadores de LIDL, aportando á caixa de resistencia e participando nas mobilizacións. Chamamos tamén a boicotear á empresa e a non mercar nos seus establecementos mentres dure o conflito.
Unha vitoria dos compañeiros de LIDL será tamén unha vitoria de toda a Clase Traballadora.
VIVA A LOITA OBREIRA!
En Ferrolterra, a 29 de marzo de 2023