COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Este venres estréase en Vigo “Parias de la Tierra”, o documental sobre os 100 anos de historia do PCE

20 de abril de 2022

 

 

Á estrea asistirá Eva Solla, Secretaria Xeral do PCG, e Manoel Da Costa, Loli López e Carlos Núñez, militantes do partido que aparecen na peza documental.

O arquivo inédito audiovisual de Da Costa, con imaxes da Transición gravadas en celuloide, forma parte do material de arquivo que se usa na montaxe.

 

            O 22 de abril chega á cidade de Vigo a película documental que percorre a historia do Partido Comunista de España. A proxección realizarase nos Multicines Norte ás 20.00h, e contará coa presencia de entrevistados e dirixentes do partido.

            A película quere rescatar a memoria democrática de quen sufriu cadea e exilio por loitar contra a dictadura; e á vez, aportar unha visión distinta da historia recente de España, tratando temas como a Guerra Civil, o franquismo ou a transición á democracia.

 

 

            Para a súa realización entrevistáronse a preto de 40 persoas, militantes históricos do PCE, de diferentes idades e lugares do Estado. Entre elas, deron a súa testemuña tres militantes do PCE en Vigo que representan dous elementos cruciais para a historia do PCE: dunha banda os dirixentes, o aparato clandestino; e pola outra a militancia de base, o músculo social.

            O primeiro caso é o de Carlos Núñez Le Vieux, nado en Vigo en 1941. Estudou Políticas na Universidade de Moscú da extinta Unión Soviética. Ao retornar, dedicou a súa vida ao deseño e á publicidade. Polo seu compromiso político pasou varias tempadas no cárcere ata que tivo que se exiliar en Francia. Alí foi recrutado por Domingo Malagón, o famoso falsificador do PCE, para incorporalo ao seu equipo. Carlos aprendeu de memoria a sinatura de centeos de policías e participou da fabricación de pasaportes falsos cos que a militancia do PCE cruzaba a fronteira para alimentar a loita no interior, ou para fuxir cando estaban cercados pola policía.

            O PCE converteuse na principal forza de oposición durante o franquismo. Entre outras cousas, por esa capacidade organizativa. Pero tamén polo apoio que espertaba en amplos sectores da sociedade. Miles de persoas anónimas que nalgún momento das súas vidas formaron parte da base do partido, reuníronse con estraños respondendo a un nome falso, gardaron propaganda nas súas casas, correron diante dos grises e sufriron en moitos casos, detencións e tortura ou cadea.

            Este tipo de persoas son Manoel Da Costa (1947) e Loli López (1949). Eles militaron xuntos dende a mocidade, viviron as folgas do 1972, as mobilizacións estudantís e toda a transición cara a democracia. Chegaron a retratar algúns destes momentos históricos cunha Cámara Super-8 que compraron trala morte do ditador. O arquivo de Manoel e Loli, inédito ata agora, foi utilizado para a produción desta película, polo que se pode ver nela escenas nunca vistas da Transición en Galicia.

 

 

            Dirixido por Rosa Valiente e por Rodrigo Bazzano, este documental conta coa locución da actriz Petra Martínez, recentemente galardoada co Premio Feroz á mellor actriz protagonista por “La vida era eso”. E cunha banda sonora orixinal composta por Juan Bardem, gañador do Goya á mellor música orixinal por “Al Sur de Granada”.

            O documental foi financiado de forma colectiva a través da plataforma de Crowdfunding Goteo. E realiza o percorrido dos 100 anos de historia do PCE, a través da testemuña de protagonistas anónimos, material de arquivo, en parte inédito, e unha subtrama de animación.

            Á proxección asistirán membros destacados do PCE, como a Secretaria Xeral do PCG Eva Solla, Rubén Pérez, portavoz de Marea de Vigo no Concello de Vigo, así coma os propios Carlos Núñez, Manoel Da Costa e Loli López. Será, ademais dunha estrea, unha xornada de confraternización entre as distintas xeración preocupadas pola memoria democrática dunha rexión tan importante para a historia do movemento obreiro e a loita polas liberdades públicas.

            As entradas poden adquirirse na páxina web dos Multicines Norte: https://multicinesnorte.eu/venta-de-entradas/

 

 

Categorías:

Comparte: