COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Este vindeiro martes debátese no parlamento galego a ILP en defensa do sector pesqueiro.

20 de outubro de 2024

O próximo martes 22 de outubro chega ao parlamento galego a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa do sector pesqueiro tradicional e das actividades marisqueiras e acuícolas. Con este texto preténdese modificar a Lei de Pesca de Galicia para que se priorice a defensa do sector pesqueiro fronte a ameaza que poida supoñer outras actividades para a riqueza marítima das nosas rías.

A iniciativa xurde como resposta ao crecente interese empresarial polo control dos recursos hídricos e dos espazos marítimos para usos privativos, preocupación que se acentúa nun contexto de incerteza creado polo cambio climático. Con este novo texto o sector mariñeiro de baixura pretenden protexer unha serie de profesións que, segundo datos da propia consellería, emprega a 50.000 persoas entre a pesca, o marisqueo, a acuicultura artesanal e o sector transformador. Ademáis, coa modificación da lei de pesca procúrase preservar unhas actividades con arraigo na nosa cultura e cun valor social central.

Nos últimos tempos estamos vendo como o capital financeiro internacional centrou o seu interese no noso país para a execución de proxectos depredadores co consecuencias terribles para o medio: A mina de Touro e de San Finx, Altri ou a instalación de parques eólitos -tanto terrestres como marítimos- son ameazas potenciais para a riqueza marítima das nosas costas. Dende o Partido Comunista de Galicia apostamos pola industria, pero esta non pode servir para enriquecer a uns poucos mentres hipoteca o futuro medioambiental e económico do país. Por outro lado, as e os comunistas recoñecemos o papel central da pesca para o modelo económico galego, xa que máis alá do peso relativo dentro do PIB -próximo ao 5%-, a pesca ten un papel redistributivo esencial nalgunhas comarcas costeiras do país como Arousa, O Barbanza, O Morrazo ou Muros e Noia, da que viven miles de familias traballadoras e as actividades relacionadas co mar permean a vida da veciñanza destas bisbarras.

A Iniciativa Lexislativa Popular que se vai debater o próximo martes é un texto axeitado e útil que aportaría ferramentas para xestionar, non só o sector pesqueiro, senón tamén o resto de actividades económicas dunha maneira máis racional e sostible.

A proposta, ademais de avalada por 17.838 sinaturas, conta co apoio unánime do sector: plataformas en defensa da natureza e dos dereitos do sector pesqueiro, como Plademar ou a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, as asociacións de mulleres do mundo da pesca, a Federación Galega de Cofrarías ou os tres sindicatos maioritarios en Galicia (CC.OO, UXT e CIG), apoian o novo texto. Do mesmo xeito, todos os plenos municipais da Ria de Arousa mostraron a seu apoio a ista ILP. No concreto, a proposta do sector sustánciase na inclusión de dous artigos nos que; primeiro, se declare como actividades de interese xeral as actividades da pesca, o marisqueo e a acuicultura de bivalvos no ámbito xeográfico competencial de Galicia; e segundo, que calquer outra actividade económica ou empresarial que poida interferir na viabilidade do sector pesqueiro requira, previamente, dun informe preceptivo e vinculante da Consellería de Pesca que confirme a inocuidade do proxecto para as rías.

Esta ILP supón unha importante mostra de organización do sector pesqueiro. Non só pola incuestionable capacidade de mobilización por todo o territorio galego, que se plasmou nas case 20 mil sinaturas presentadas -aínda que a Xunta descartou dúas mil-, senón que tamén pola capacidade política do sector na articulación das súas necesidades e a formulación de proposta viables.

Unha vez máis corroboramos a autosuficiencia das traballadoras e traballadores organizados para identificar problemas e formular solucións. e que un dos principais defectos da política institucional radica no distanciamento entre as e os deputados e as necesidades e demandas da clase obreira. O pobo é quen máis ordena, e o comezo para a solución de calquer problema político radica na participación directa e organizada das traballadoras e traballadores do país nas cuestións que lles incumben.

Categorías:

Comparte: