COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Campaña contra os accidentes e a explotación laboral: Facernos traballar así, mata!

13 de maio de 2024

O ano 2024 comeza con cifras extramadamente alarmantes na nosa comarca. Só nos primeiros meses do ano xa morreron na nosa contorna 10 traballadores nos seus centros de traballo por accidentes laborais. Un traballador e unha traballadora nunha planta de reciclaxe de residuos de plástico na Cañiza, un traballador do sector da madeira de Vilanova de Arousa, un traballador do metal ao caer da cuberta dunha nave no estaleiro vigués San Enrique e outro máis do mesmo sector no peirao de reparacións de Bouzas, outros dous no sector da construción en accidentes no municipio de Vigo, outro traballador do sector alimentario en Ponteareas mentres conducía unha carretilla elevadora, e outro máis ao quedar baixo un muro dunha vivenda en Ponteceso.

Este goteo constante de mortes, accidentes laborais, baixas por enfermidade laboral e o sufrimento que todo iso conleva non son froito da casualidade nin da mala sorte. Son o produto da precariedade laboral, da ausencia de medidas básicas de seguridade en aras dun maior enriquecemento duns poucos e da impunidade das empresas e a patronal.

A clase traballadora vemos diariamente como nos centros de traballo da nosa comarca seguen aumentando as esixencias para aumentar os beneficios empresariais, increméntanse os riscos psicosociais, deterióranse as condicións laborais, redúcense os recursos para a prevención ou se mantén a falta de recursos para a supervisión reguladora por parte do Estado.  

Esta situación é o reflexo dunha estrutura capitalista que prioriza os beneficios económicos por encima da seguridade e o benestar dos traballadores, asumindo a sinistralidade como unha consecuencia aceptable na consecución de maiores ganancias. Este sistema favorece condicións laborais inseguras, en particular en sectores especializados como o automotriz ou o naval, onde os traballadores atópanse frecuentemente illados dos mecanismos de control de riscos.

Ante estas situacións nas que continuamente se pon en xogo a nosa vida e a nosa saúde dende o Partido Comunista de Galicia defendemos a necesidade da organización da clase traballadora desde os nosos centros de traballo e dende o sindicalismo combativo. E deste xeito lanzamos unha campaña para denunciar os accidentes laborais e a explotación capitalista e facemos un chamado a pasar á ofensiva, deixar atrás os cantos de sirea e apostar pola loita e a mobilización para protexer a nosa saúde, defender os nosos dereitos e avanzar cara a un sistema no que a clase traballadora teña o control sobre a produción para combater os ataques do sistema capitalista. É dicir, loitar por un futuro diferente ao enriquecemento de empresarios e especuladores onde quenes vivimos do noso traballo esteamos no centro.

Que a precariedade non che leve a vida.
Organízate e loita co Partido Comunista de Galicia!

Categorías: Movemento Obreiro

Comparte: