O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista, o Partido Comunista de Galicia sairá á rúa para berrar ben alto que estamos fartas de que nos neguen.
Denunciamos o negacionismo da violencia contra as mulleres. A simbiose entre o capitalismo e o patriarcado ataca sistematicamente a vida e o benestar das mulleres. Así, ante a resignación e a aceptación pasiva como algo que “sucede de cando en vez”, queremos denunciar os feminicidios, que superan os 70 este ano en España, deles 6 en Galicia. Máis de 70 mulleres asasinadas polas súas parellas e ex-parellas, polos seus fillos, xenros, coñecidos e mesmo no seu posto de traballo. O asasinato de Teresa de Jesús, traballadora do SAF, puxo de manifesto o que xa viñan denunciando as traballadoras: a falta de seguridade no traballo de atención a domicilio. Denunciamos tamén a violencia vigaira, que acabou coa vida de tres menores este ano, así como as 17 crianzas orfas polo asasinato das súas nais.
Demandamos que se cumpran as medidas de protección para as mulleres que denuncian malos tratos. Varias das vítimas mortais, malia estar no sistema Viogen e teren ordes de afastamento, non obtiveron o amparo debido. Neste senso, denunciamos os fallos nas pulseiras de control aos maltratadores durante o transvase de datos entre dúas empresas concesionarias, o que provocou absolucións e sobresementos debido á perda dos datos de quebrantamento. As operadoras advertiron destes fallos dende o principio, sen que a administración actuase.
Estamos fartas tamén deste xiro reaccionario que nos converte en obxectos. Que afecta a nenos e rapaces que xa reciben, sen buscalo, contido pornográfico desde os 8 anos. A industria do porno socializa ás mozas en prácticas nocivas e aos mozos preséntalles un mundo onde son eles quen marcan as regras, borrando a igualdade e sementando o terreo para abusos e agresións. Por iso medran os mozos que cren que a violencia machista é un “invento” e tamén as agresións sexuais por parte de menores.
Denunciamos tamén que nos neguen dereitos e protección. Temos que continuar a loitar polo noso dereito á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública, para todas, e por un trato humano nun proceso que para moitas é doloroso. Hai comunidades onde existe unha restrición encuberta do dereito ao aborto, derivando sistematicamente ás mulleres a clínicas privadas.
O escándalo da falla de información no cribado do cancro de mama en Andalucía mostra como o desmantelamento dos servizos públicos é unha ameaza directa para a vida das mulleres.
Dende o PCG seguiremos a loitar contra todas as formas de violencia contra as mulleres, especialmente as que afectan ás máis vulnerables. É preciso crear condicións para erradicar a prostitución e a trata, algo que non se resolverá só con leis dentro das institucións burguesas, senón coa organización e conciencia da clase traballadora. Tamén denunciamos o auxe da explotación reprodutiva, agora “glamourizada” por persoas famosas e financiada por clínicas privadas. Felicitamos á asociación As Furias, que conseguiu por primeira vez o peche de webs en España que anunciaban ventres de alugueiro. Un paso importante, que recoñecemos.
Contra a negación das violencias machistas, contra a negación dos nosos dereitos, estaremos na rúa o martes 25 de novembro.
CONTRA A REACCIÓN MACHISTA!
FARTAS DE QUE NOS NEGUEN!




