Comunicado de prensa, 2025-09-24
Dende o Comité Comarcal de Ferrol do Partido Comunista de Galicia elevamos a nosa protesta máis contundente e denunciamos a escandalosa pretensión do alcalde José Manuel Rey Varela de endosarlle á poboación de Ferrol a débeda de 8 millóns de euros (máis de 1.300 millóns de pesetas) xerada pola nefasta xestión da empresa mixta EMAFESA.
A operación, que pretenden vender como “salvamento técnico imprescindible”, é outro rescate do capital privado que, tras anos amasando montes de cartos co negocio da auga, agora abandona un barco que se afunde por unha xestión plagada de erros e desleixos que rozan o criminal.
A empresa privada Urbaser-Socamex, co 49% da propiedade, exerceu o control único e efectivo da empresa. Eles tomaron decisións estratéxicas absolutamente erradas, adicando a súa prioridade a amasar lucro privado por riba do interese público. Agora, cando o resultado da súa neglixente xestión é un enorme furado millonario, esíxenlle ó pobo de Ferrol que rasque o peto e cubra as súas desfeitas. É a materialización do roubo neoliberal: privatización dos beneficios e socialización das perdas. Este modelo de xestión privada, que impulsan partidos liberais no económico como PP, PSOE, Vox, Junts e PNV, se revela continuamente como un enorme fracaso, fonte de e profundamente lesivo para os intereses da clase traballadora. corrupción
Estamos ante un espolio, o mesmo tipo de estafa que na cando a crise bancaria: os delincuentes causantes da mesma foron rescatados con cartos públicos, mentres os traballadores sufríamos brutais recortes en sanidade, educación e servizos sociais. Ningún deses criminais foi ó cárcere e ningún banco devolveu os máis de 75.000 millóns de euros que lles prestamos.
O Partido Popular, sempre testaferro das empresas privadas, tenta repetir a mesma trangallada pero a escala municipal, con Rey Varela cedendo á chantaxe dos intereses privados e traizoado o mandato de custodia leal do patrimonio público que debe exercer en nome da cidadanía.
A raíz do problema: a privatización encuberta
A orixe do problema é a serie de nefastas decisións tomadas dende 1998, co PP e Juan Blanco Rouco como alcalde, que deciden mudar a xestión do abastecemento e saneamento dun modelo público a privado, pero agochado tras dunha “empresa mixta”. En 1999, e a menos de dous meses das eleccións municipais, acórdase a adxudicación a Urbaser. En 2000, có BNG e Xaime Bello na alcaldía, firman escritura pública de constitución da Empresa Mixta de Augas de Ferrol.
Pero o máis grave aconteceu en 2015, cando o alcalde Rey Varela decide temerariamente que EMAFESA asuma en solitario a xestión da depuración para Ferrol e Narón. Unha decisión irresponsable que moitos pronosticaron economicamente insostible. Que o alcalde continuase adiante, a pesares das moitas advertencias, só pode explicarse por unha vontade torticeira. Foi unha trampa perfectamente argallada: crearon un macrocontrato cunha xestión opaca, un pozo sen fondo de custos que, chegado o momento, a parte privada non estaría disposta a asumir, forzando ó rescate público. O máis grave é que todo isto prodúcese sen ningún tipo de transparencia. A opacidade é o caldo de cultivo da mala xestión e a corrupción.
Poden disfrazala como queiran, pero esta é outra operación máis de desvío de cartos públicos a petos privados. Por isto, dende o PCG esiximos unha auditoría técnica e de xestión independente e exhaustiva dos últimos dez anos de EMAFESA. Os veciños de Ferrol non podemos asumir meter un euro nese furado negro sen antes aclarar onde foi ate o último céntimo. Quen tomou as decisións? Como xustifican os custos? Quen xerou a débeda? É imprescindible depurar responsabilidades, non só económicas, senón tamén políticas e legais.
A nosa proposta: remunicipalización xa!
Ante esta nova agresión do Partido Popular ós servizos públicos, non podemos quedar na denuncia. Dende o PCG a solución é clara: a remunicipalización inmediata e sen compensacións de todo o servizo. A auga non é unha mercadoría para que un fondo de inversión faga peto e reparta beneficios ós accionistas. Beneficios que saen de espoliar á clase traballadora de Ferrol con subidas inxustificadas de tarifas e a diminución da calidade do servizo.
A xestión debe ser asumida por unha empresa municipal, 100% pública, transparente e con control democrático por parte dos veciños; non por un chiringuito para engordar a ricos en paraísos fiscais. A plantilla de EMAFESA, altamente cualificada, é un patrimonio que debe estar ó servizo da cidade, non dos intereses dunha multinacional. Unha empresa pública é o único xeito de garantir postos de traballo dignos, estables e un servizo de calidade con tarifas xustas.
Máis aló da auga: por un Ferrol 100% público
EMAFESA é a proba irrefutable do fracaso da xestión privada dos servizos públicos. Nos últimos 30 anos en Ferrol, uns gobernos apoiaron este modelo e outros non fixeron nada por combatelo. Cando non se defende o público e o ben común, se actúa, directa ou indirectamente, como o Cabalo de Troia da privatización.
A loita por unha EMAFESA 100% publica representa a loita por un modelo de cidade distinto, por iso, a proposta do PCG non se limita á auga. Defendemos a remunicipalización de todos os servizos públicos básicos:
- Recollida de lixo e limpeza viaria: Un servizo esencial para a saúde pública e a calidade de vida, que debe xestionarse con criterios ecolóxicos e de benestar comunal, en troques de contratalo con empresas que só buscan saquear o erario público.
- Mantemento de xardíns e zonas verdes: O coidado da habitabilidade e o aspecto da cidade debe estar en mans de persoal municipal, con contratos estables e non subcontratado a empresas que se lucran por pagar mal ós traballadores.
- Outros servizos sociais e culturais: A educación de 0-3 anos, a atención á dependencia, a xestión de centros culturais, instalacións deportivas, mercados... este e outros son eixos fundamentais da nosa cidade que deben ser protexidos da voracidade do “mercado”, da especulación e a rapiña capitalista.
Unha xestión pública, transparente, eficiente e democrática destes servizos é absolutamente necesaria para construír un Ferrol máis xusto, sostible, onde sexa agradable vivir. Unha cidade onde os recursos de todos se poñan ó servizo de todos, e non dos petos dos ricos.
Chamamos á mobilización cidadá
Os partidos institucionalizados só se moven cando senten presión, por iso convocamos a todos os colectivos veciñais, sindicais, políticos e sociais, a cada veciño e veciña de Ferrol, a unirse nesta loita. Non podemos permitir que sigan roubando o noso futuro. Temos que saír ás rúas, temos que tomar o pleno, debemos levar a nosa voz nas institucións e esixir con firmeza:
- Auditoría xa! Non ao rescate sen transparencia.
- Nin un céntimo públicos as empresas saqueadoras!
- Depuración de responsabilidades! Políticas, económicas e penais.
- Remunicipalización do servizo de auga! Sen compensacións á parte privada.
- Pola xestión pública! Participativa e transparente de todos os servizos municipais.
En Ferrol, a 2025-09-24