COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | 10 de Marzo: a loita de 1972 segue a ser a de hoxe

10 de marzo de 2026

2026-03-10 | Comunicado do Comité Comarcal de Ferrolterra do PCG con motivo do Día da Clase Obreira Galega

10 DE MARZO: A LOITA DE 1972 SEGUE A SER A DE HOXE

CAMARADAS, COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS, CLASE TRABALLADORA EN FERROLTERRA:

Cada 10 de Marzo, as obreiras e obreiros de toda Galicia lembramos con orgullo e rabia os feitos de 1972. Naquela xornada histórica, os traballadores do naval ferrolán saíron ás rúas combinando dúas loitas que, en realidade, era unha soa: a pelexa polos dereitos laborais e o combate contra a ditadura fascista de Franco. A resposta do réxime foi a que sempre da o capital e dos seus servidores: represión brutal, balas, sangue e dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla, asasinados polo delito de ser obreiros que reclamaban dignidade.

En 1972, os traballadores do naval pelexaban por salarios dignos aínda baixo a bota dunha ditadura. Hoxe “en democracia” os medios do capital, repiten que a economía “vai estupendamente", pero os datos non enchen ós petos dos traballadores. A loita de 1972 era polas condicións de vida e de traballo. A de 2026 tamén. Non debemos esquecer cal é a contradición fundamental: a que enfronta ó capital e ó traballo. Cincuenta e catro anos despois, a clase traballadora seguimos na mesma trincheira. Os nomes mudaron. As formas tamén. Pero a loita de clases non: transfórmase e esixe de nós a mesma claridade, a mesma firmeza e a mesma organización que demostraron os que nos precederon.

A DIVISIÓN DA ESQUERDA: O LUXO QUE NON PODEMOS PERMITIRNOS

Debemos falar con honestidade e sen eufemismos das nosas debilidades. As divisións na esquerda e o movemento obreiro son un regalo á burguesía e á dereita. Por outro lado, temos organizacións sindicais aburguesadas, que levan décadas apostando polo pacto e a paz social en lugar da loita de clases. A institucionalización é a castración do sindicalismo. Por outro, a esquerda política segue dividida por cuestións identitarias ou por vellas disputas fraccionalistas. Todo vale para socavar a unidade real de clase. Lembrade a mensaxe de Marx e Engels no Manifesto: os obreiros non temos patria, pero temos unha clase, e esa clase é internacional. Quen divide artificialmente á clase traballadora en función de fronteiras, linguas, etnias ou disputas de salón é, obxectivamente, un inimigo ó servizo á burguesía.

Debemos sinalar ós que, auto-identificándose de esquerdas, non dubidan en facer de majorettes dos inimigos da clase traballadora, dos que pactan co fascismo e agreden ós traballadores. Así, compartir o 10 de Marzo con gentuza como José Manuel Rey Varela é escoller bando, e non é, precisamente, o da clase traballadora. 

Escoller onde pelexa cada un é importante, pero hoxe moito máis ante o avance evidente da ultradereita, que medra nas urnas e actúa na rúas con métodos do escuadrismo fascista. A súa impunidade é consecuencia dun goberno que, proclamándose de esquerdas, actúa cunha pasividade que roza a complicidade, deixando actuar ó fascismo mentres reprime mobilizacións obreiras. 

DE 1972 A 2026: A HISTORIA REPÍTESE PORQUE O CAPITAL NON CAMBIA

Ferrolterra é sinónimo de loita obreira. O naval é o seu corazón. A súa loita debe ser a de toda a comarca. Neste momento, os traballadores das Auxiliares inician a batalla por un novo convenio. Na principal, en Navantia, a plantilla enfróntanse á implantación dun convenio infame, pactado por sindicatos que prefiren as negociacións de “café con pastitas” á defensa real dos intereses da clase obreira. Chamamos a unidade de acción dos traballadores e traballadoras do naval. É imprescindible loitar unidos, todos, independentemente da cor do buzo, independentemente de se traballan soldando ou cun ordenador: 

As loitas que veñen non só afectan ó naval. A clase traballadora sufrimos tamén o ataque do capital contra un dos primeiros dereitos de todo ser humano: a saúde. Padecemos unha escandalosa falta de médicos e as listas de espera alónganse ate límites intolerables. Non son problemas de xestión nin accidentes: son políticas deliberadas ó servizo do capital, ataques directos á nosa calidade de vida.

O acceso a unha vivenda digna é outra fronte de loita inescusable e debemos sinalar a especulación que están a argallar en torno ó Cuartel Sánchez Aguilera: o solo público debe quedar en mans públicas e ó servizo das necesidades da clase traballadora, non podemos permitir que sirva para o lucro privado dos que xa acumulan riquezas indecentes.

E non podemos deixar de falar das comunicacións. Ferrolterra segue a ser unha comarca illada. O transporte en ferrocarril, autobús, é mesmo automóbil, son deficientes para as necesidades reais dos que se desprazan diariamente ó traballo, ás consultas médicas, para a vida en xeral. Un transporte público digno e eficiente non é un capricho: é un dereito da clase traballadora e condición básica para o desenvolvemento social e económico desta comarca.

OTAN NON: UNHA ORGANIZACIÓN AO SERVIZO DO IMPERIALISMO

Non somos inmunes ó contexto internacional. O mundo se rearma e somos testigos en tempo real dun conflito imperialista en Oriente Medio que ameaza con estenderse e traer máis crise e miseria. Ante isto, é imprescindible a saída inmediata de España da OTAN. A paz é imposible baixo a lóxica imperialista. Guerras e intereses do capital son sinónimos. Os traballadores só temos interese nunha guerra: a de clases, para acabar co capitalismo.

ORGANIZACIÓN, LOITA, VITORIA

Compañeiras e compañeiros: Amador e Daniel non morreron para que hoxe teñamos unha plaquita nunha praza. Os obreiros de 1972 son exemplo histórico. A mellor homenaxe que lles podemos render é continuar a loita con terca determinación, con máis forza, con máis organización e con máis conciencia de clase.

A historia demostra que os traballadores só avanzamos cando estamos organizados, cando loitamos unidos por riba das diferenzas artificiais, cando non depositamos as nosas esperanzas en caudillos salvadores senón no poder colectivo, na organización da nosa propia clase. Esa é a lección de toda a historia do movemento obreiro mundial. Esa é a lección de 1972.

Viva a clase traballadora! Viva o 10 de Marzo!
Organízate e loita. Obreiros do mundo, unídevos!

 

Categorías:

Comparte: