O Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia traslada toda a nosa solidariedade e apoio ós traballadores e traballadoras do sector do metal da provincia da Coruña, chamados á folga fronte á intransixencia da patronal que, unha vez máis, pretende aumentar beneficios a costa da explotación e a perda de dereitos da clase obreira.
A patronal négase a mellorar salarios, a reducir xornada laboral e pretende eliminar dereitos conquistados tras décadas de loita obreira. Todo nun contexto no que os datos económicos demostran que os grandes empresarios do sector están a forrarse, acumulando enormes beneficios grazas ós baixos salarios e á precariedade laboral.
Este non é conflito illado. Estamos ante a ofensiva do capital contra a clase traballadora. A patronal non actúa soa. Conta coa colaboración política do PP, coa complicidade de medios de comunicación burgueses, como La Voz de Galicia, que criminaliza as baixas laborais. Pero tamén coa acción desmobilizadora e entreguista de sindicatos que, historicamente, veñen actuando como freo das loitas cando estas ameazan realmente ó sistema.
LECCIONS A TER EN CONTA
Debemos aprender das experiencias recentes. A do Metal de Cádiz é clarísima: unha loita exemplar, sostida con dignidade e solidariedade, acabou quebrada pola sinatura de preacordos promovidos por traidores que abriron unha fenda coa que a patronal conseguiu debilitar ós traballadores. Esta mesma xogada xa a estamos a ver na folga de Pontevedra, donde eses mismos rompefolgas xa anuncian preacordos que rebaixan as reivindicacións. A unidade obreira é fundamental e debe construírse arredor da loita e a firmeza, non da rendición anticipada.
En Ferrol temos exemplos recentes que deben servir de lección. A negociación do convenio de Navantia alongouse demasiado tempo, xerando desgaste e desmobilización. Algúns sindicatos asumiron as posicións da empresa e o resultado final dista moito do que a plantilla merecía, nun momento de enorme carga de traballo e inversións no sector. Xa vemos as consecuencias: perderonse dereitos e a empresa vai de incumprimento en incumprimento. Agora, os que promoveron dar o si ao acordo, cada semana escriben comunicados chorando porque a empresa os torea. A frase “a debilidade sempre invita a agresión” cúmprese escrupulosamente. Non falla.
MÁIS QUE UN CONVENIO
Mentres tanto, os gobernos que din que “non hai cartos” para pensións, sanidade ou educación, atopan rapidamente centos de miles de millóns de euros para aumentar o gasto militar e alimentar guerras imperialistas como a de Ucrania. Queren que a clase traballadora pague as crises, pague o rearme e pague tamén os beneficios da minoría parasitaria. Mentres, a clase obreira non podemos nin pagar un teito, a comida ou o básico para vivir.
Por iso esta loita é tan importante. Non está en xogo só un convenio. Estades a pelexar para ver quen paga a situación: se os traballadores e traballadoras co seu esforzo e a súa pobreza, ou unha patronal que leva anos enriquecéndose obscenamente.
Dende o Comité Comarcal de Ferrolterra do PCG chamamos á clase traballadora da comarca a apoiar activamente a folga do metal da Coruña, a apoiar os sindicatos de clase e combativos, a respectar e fortalecer ós piquetes e a practicar o sano exercicio da solidariedade entre compañeiros, entre traballadores da principal e da industria auxiliar.
A historia do movemento obreiro demostra que ningún dereito foi regalado. Todo o conquistado foi arrincado mediante organización, unidade e combate. Forza e adiante!
Unha soa clase, unha soa loita!
Ferrolterra, a 18 de maio de 2026
Comité Comarcal do PCG




