COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Igual que no 10 de Marzo de 1972, a ferramenta segue a ser a loita e a presión

8 de marzo de 2024

O día da clase obreira galega simboliza a loita dos e das traballadoras do país pola mellora das condicións laborais, os dereitos políticos e a organización contra o capital. A explotación capitalista une a clase obreira non só galega, senón mundial. Porén, na historia da articulación da clase obreira galega o 10 de marzo ten unha significación especial. Esta data representa un momento da historia no que, dende os estaleiros de Bazán en Ferrol, xurdiu unha arela de unidade que se estendeu por toda Galicia e tamén máis alá das nosas fronteiras.

O 10 de marzo de 1972, Ferrol converteuse no centro da loita obreira mundial pola manifestación de preto de 4000 obreiros da Bazán. “Como consecuencia de las actividades de células de matiz comunista”, como diría o Goberno Civil da Coruña, numerosas asembleas de traballadores e días de folga en Bazán confluían nunha marcha en protesta polos despedimentos represivos que remataría cun resultado tráxico: Amador Rey e Daniel Niebla falecidos e máis de corenta feridos de bala.

No marco das eleccións de enlaces sindicais de 1971, as Comisións Obreiras participaron coa fin de promover a conflitividade e asegurar certa capacidade de axitación sociopolítica. As Comisións Obreiras obtiveron como resultado maiorías nas empresas máis importantes de Galicia. Así sucedeu en Bazán, Vulcano, Barreras ou PEBSA, por exemplo.

A proposta sindical das Comisións e o resultado das eleccións de 1971 permitiu que, nas primeiras reunións do Jurado de Bazán se procedese á denuncia do convenio vixente. Foi nese escenario no que se foron desenvolvendo asembleas e mobilizacións que se estenderon de finais de febreiro até o 10 de marzo e máis alá. Os traballadores de Bazán conseguiron a unidade de toda a clase obreira ferrolá contra a represión e na reivindicación dun convenio colectivo que reducise as horas de traballo, aumentase o salario mínimo na empresa, protexese os traballadores en caso de enfermidade e xubilación e recoñecese os dereitos de organización sindical.

Décadas despois dos sucesos de Ferrol, o capitalismo segue e asegurar que é a burguesía a que domina a organización do traballo, impoñendo á clase obreira decisións sometidas á explotación laboral. A chegada da democracia a España, sen dúbida influída pola presión de acontecementos como os do 10M, non remediou esta situación e, como diría Marcelino Camacho, a democracia quedou na porta da fábrica.

A loita pola redución da xornada laboral segue a ser unha das grandes necesidades da clase obreira. O desenvolvemento das forzas produtivas asegura hoxe que con menos horas de traballo se poidan cubrir máis necesidades. Pese a isto, na súa ansia de aumentar o beneficio, o capital aprópiase de todos estes avances sociais para o seu interese, sen redundar nunha mellora da situación da clase obreira.

O mesmo sucede coa loita polo salario. Nos últimos anos, pese a que os salarios aumentan en Galicia, aumentan menos que na media de España. Destaca neste sentido a diferencia de case 5.000€ entre o salario dos homes e das mulleres, a maior diferencia de toda España. O aumento dos prezos xa permanente nestes anos abafa os fogares obreiros. Por iso vainos a vida na loita polo aumento dos salarios.

A ferramenta esencial da loita durante as xornadas do 10 de marzo era a loita e a presión para a sinatura dun novo convenio colectivo. Os militantes do PCG e das Comisión Obreiras souberon desenvolver accións de presión como a denuncia do convenio vixente, as asembleas, as folgas... para poder conseguir o mellor convenio posible. Nesta táctica incorporouse a necesidade de traballar por un convenio de fábrica, evitando así asociar o resultado da negociación á posición doutras fábricas nas que o verticalismo franquista dominaba a representación sindical. Esta aposta limitouse ás circunstancias concretas derivadas das eleccións de 1971, cando a necesaria unidade sindical a nivel estatal quedou en segundo plano fronte á conveniencia de rachar co dominio do franquismo nas fábricas de San Fernando e de Cartagena.

O día da clase obreira galega condensa as ensinanzas dun movemento obreiro que, nun escenario de ditadura, foi quen de se organizar para loitar polos seus dereitos, tanto laborais como políticos e plantou cara ao capital co horizonte do socialismo como meta. Esas ensinanzas están aínda vixentes. Con elas, o porvir da clase obreira está nas súas propias mans. Con elas, a clase obreira poderá avanzar no propósito de deixar de suxeitarse á autoridade e os designios do capital para construír unha sociedade organizada polo traballo.

Categorías:

Comparte: