COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Industrializar o país

10 de marzo de 2022

 

O poder que temos as traballadoras e os traballadores radica na conciencia de clase. Na compresión colectiva de que todas e todos nós somos imprescindibles para o proceso produtivo. No discernimento de que se nós paramos o mundo detense. A clase obreira non debe esquecer xamais que fomos nós quen logramos reducir o caos nos peores momentos da pandemia do coronavirus. A forza de todas e todos nós radica na unión, na colectividade, no convencemento de que xogamos un papel determinante da história e no presente. Esta é a forza da que eran conscientes os obreiros de Astano e Bazán en 1972.

 

As e os comunistas sabermos que a democracia gáñase na rúa, e o acontecido en Ferrol en marzo a comezos da década dos setenta é un dos mellores exemplos que temos desta máxima. A loita por un convenio máis democrático que recollera as reclamacións da plantilla de Bazán foi o que naqueles días impulsou a loita que empurrou a miles de traballadores a esixir dereitos nas rúas da cidade. Desbordada ante a forza das protestas, o ditadura respondeu co seu perfil máis violento e represor. Daniel Niebla e Amador Rey foron asasinados o 10 de marzo pola policía franquista desvelando, de xeito tráxico, que o réxime era incapaz de conter as ansias de liberdade da clase traballadora. A loita por unha democracia plena segue vixente a día de hoxe, e temos que ser conscientes que nada pode facer o capitalismo se a clase traballadora mantense unida, convencida e actúa con determinación.

 

Nestes últimos anos estamos constatando, máis que nunca, as dramáticas consecuencias de que o noso sector industrial estea nas mans de empresas multinacionais. Un lastre para a nosa soberanía e polo tanto para a nosa calidade democrática. Dende o Partido Comunista de Galicia pensamos que é urxente romper co destino que as elites europeas elixiron para a nosa terra. Non debemos permitir que Galicia siga sendo a periferia industrial de Europa. É apremiante o inicio dun proceso de creación de industria pública que, mediante a planificación e o control de estándares sustentables, garanta a creación de riqueza e progreso, ao tempo que se crea traballo de calidade e contrólase o impacto medioambiental da produción. A situación do emprego en Galicia é outro dos indicadores que sinalan a necesidade de fortalecer o sector industrial. Na actualidade tres cuartas partes do emprego atópanse no sector servizos. Un sector onde a temporalidade é maior, os salarios máis baixos e o valor engadido moi inferior que na produción industrial. Estes días estamos a constatar, unha vez máis, que o capitalismo é unha maquinaria irracional nas mans das elites económicas do mundo. Mentres aumentan os prezos dos bens básicos, pechan cada día empresas estratéxicas para o noso país, sementando un futuro para a clase traballadora, máis que incerto, desolador. A única alternativa para a nosa clase e o mundo é que os e as traballadoras tomemos o control para construír xuntas un futuro.

 

O gran poder das traballadoras e dos traballadores radica na nosa conciencia de clase, pero tamén na memoria. Na memoria desa historia ininterrompida da humanidade en loita constante pola consecución de dereitos, liberdade e dignidade. O enorme poder da obreira e do obreiro é que non está sós, non estamos sós en cada unha das nosas loitas particulares, xa que está é sempre colectiva; nin estamos sós  na historia, xa que formamos parte dese fío vermello que da sentido á nosa loita, así como á de Amador e Daniel. Somos continuidade, pasado e presente. Somos o engranaxe que fai xirar o mundo, e pronto seremos as e os artífices dun mundo novo.

 

Viva a loita da clase obreira!

Sempre é 10 de marzo!

Categorías:

Comparte: