COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Jorge Crego, no xornal NOS Diario: "O XV congreso do PCG pode considerarse un éxito"

1 de decembro de 2022

Jorge Crego é o novo secretario xeral do Partido Comunista de Galicia (PCG). Profesor e investigador na Universidade da Coruña, analiza para Nós Diario o congreso realizado polo seu partido na pasada fin de semana e os principais retos que enfronta a súa organización  no actual ciclo político na Galiza e no Estado.

—Que valoración fai do congreso do seu partido e cales son as principais liñas de traballo que se marcan para este novo período?

O XV Congreso do PCG pode considerarse un éxito. Estabelecemos unhas prioridades de traballo claras que pensamos que fortalecerán o noso partido e servirán para fornecer a loita das traballadoras. Renovamos a dirección asegurando a continuidade máis tamén a incorporación de novos cadros. O apoio á nova dirección foi dun 98,1% e estamos en disposición de aumentar o traballo político en toda a Galiza".

En canto ás prioridades, o fundamental é traballar para  que cada militante do partido desenvolva  traballo político no seu día a día.
Ademais, temos un comezo de período marcado por unha gran presenza de eleccións sindicais e polas eleccións municipais. Esperamos que estes procesos sirvan para aumentar a presenza de comunistas nos comités de empresas e nos concellos.

—Un dos traballos fixados como fundamentais polo PCG no seu congreso é a preparación das eleccións locais de maio de 2023, que retos se marcan para as mesmas?

Desde logo, o obxectivo será estender a nosa presenza nos concellos do país. A dirección deberá estabelecer os obxectivos concretos e o traballo a desenvolver. 
Consideramos que estamos nunha boa situación para crecer neste sentido e poremos o foco sobre todo nas vilas, estendéndonos máis alá das grandes cidades.

—As eleccións locais abren un longo ciclo electoral cuxa seguinte parada son os comicios estatais, que prioridades teñen a este respecto e como analizan a proposta de Sumar de Yolanda Díaz?

Cremos que só enfocando os nosos esforzos en traballar conxuntamente coas persoas implicadas nas loitas da clase obreira poderemos chegar ao momento no que toque decidir sobre as coalicións electorais en disposición de achegar o máximo posíbel.

Feito ese traballo, se o proxecto máis acaido é Sumar, estaremos encantados de incorporarnos. Con respecto a Sumar, o PCG continuará co seu traballo político e, no momento que sexa oportuno, avaliará onde pode achegar máis ao fortalecemento dunha candidatura que apoie as reivindicacións das traballadoras e traballadores.

—O contexto político e social está marcado por unha fonda crise expresada na alza dos prezos e que golpea directamente as rendas do traballo, que alternativas consideran necesarias para facer fronte a esta situación?

Aumentar a organización e a capacidade de negociación da clase obreira é fundamental. A inflación non pode servir de escusa para aumentar a explotación das traballadoras, incrementando ganancias e reducindo a capacidade de compra dos salarios. Por iso cremos que as vindeiras eleccións sindicais son unha oportunidade para aumentar a actividade das traballadoras e traballadores.

https://www.nosdiario.gal/articulo/social/jorge-crego-novo-secretario-xeral-do-partido-comunista-galicia/20221129210417157411.amp.html
 

Categorías: Ferrolterra

Comparte: