Galicia vive unha das maiores vagas de incendios da súa historia. As cifras provisionais falan xa de máis de 70.000 hectáreas queimadas en apenas dúas semanas, a maior parte na provincia de Ourense, onde as lapas arrasaron case o 9% da súa superficie. Son datos que superan os grandes fogos de 2022 e que sitúan o verán de 2025 como un dos peores rexistros dende que hai estatísticas comparables, só por detrás de anos tan catastróficos como 1989 ou 2006.
O incendio de Larouco, declarado o 13 de agosto, converteuse xa no máis grande da historia de Galicia, con máis de 20.000 hectáreas calcinadas. O lume esténdese por Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, e continúa activo.
O incendio de Chandrexa de Queixa, iniciado o 8 de agosto en Requeixo e Parafita, supera xa as 17.500 hectáreas queimadas tras fusionarse co de Vilariño de Conso, converténdose no segundo maior da historia do país. Pola súa parte, o lume de Oímbra, con arredor de 15.000 hectáreas, sitúase como o terceiro máis extenso. Estes tres grandes lumes, xunto ao da Mezquita (10.000 hectáreas), fan de 2025 o ano dos catro maiores incendios rexistrados en Galicia.
A propia Xunta recoñeceu que os servizos de extinción “comezan a desbaratarse” e que hai núcleos de poboación que non se atenden por falta de medios. Mentres Alfonso Rueda pide máis apoio ao Estado, máis de 190 prazas do servizo contra incendios permanecen sen cubrir. Sindicatos denuncian helicópteros parados por falta de pilotos, improvisación nas ordes de traballo e un operativo que funciona sen planificación nin coordinación.
O paradoxo é evidente: dous dos maiores lumes desta vaga, Chandrexa e Oímbra, comezaron en parroquias onde a Xunta aplicaba unha “vixilancia especial” por seren zonas de alto risco. A realidade é que nin o reforzo de medidas extraordinarias nin a retórica da “tolerancia cero” evitaron que ardesen máis hectáreas ca nunca.
O lume como síntoma dun modelo de abandono
As causas están ben identificadas: na última década, segundo datos oficiais, o 75% dos incendios foron intencionados. Moitas veces en queimas agrícolas ou para renovar pastos en plena alerta de risco extremo. Ao tempo, a fragmentación da propiedade forestal, a aposta polo monocultivo de eucalipto e piñeiro, e o abandono rural crean as condicións perfectas para que cada chispa se converta en catástrofe.
Aquí entra o elemento central: a xestión forestal. Galicia carece dunha planificación económica sostida para o monte. As zonas consideradas “non produtivas” son abandonadas, a ordenación forestal é feble e a prevención redúcese á mínima expresión. Os traballadores do sector explican que non se trata só de ter máis brigadas no verán: con contratos de fixo-discontinuo limitados a catro meses, non hai posibilidade de realizar tarefas de mantemento e rozas no resto do ano, que son as que marcan a diferenza real. A consecuencia é clara: sen unha política de prevención activa, cada campaña comeza cun monte convertido en polvorín.
Alcaldes de Monterrei, Oímbra ou A Mezquita recoñecen que foi a propia veciñanza quen fixo fronte ás lapas, moitas veces sen medios aéreos nin brigadas suficientes. “Só o pobo salva ao pobo”, dicían, resumindo a impotencia dunha cidadanía abandonada polas institucións.
Outro síntoma do abandono é a precariedade laboral. A maioría do persoal das brigadas de extinción municipais de extinción traballa sen estar recoñecido como bombeiro forestal, sen pluses de perigosidade nin dereitos equiparables, malia enfrontarse a condicións extremas. As denuncias repítense ano tras ano: contratos temporais, salarios baixos e xornadas extenuantes, con responsabilidade máxima pero sen recoñecemento profesional.
O problema vai máis aló de pedir medios en plena emerxencia: non se trata só de reforzar helicópteros ou camións, senón de garantir un servizo público permanente e digno, capaz de facer traballo de prevención durante todo o ano. O actual modelo de temporalidade e recorte converte a extinción nun negocio estacional e deixa o país sen defensa real cando chegan situacións extremas.
Silencio informativo e manipulación
En plena emerxencia, a TVG mantivo a programación habitual ata os informativos da noite, sen conexións en directo nin seguimento continuo. O colectivo Defende A Galega denunciouno como “desmantelamento” do servizo público. Agora é o propio Comité Intercentros da TVG e da Radio Galega quen reclama o cese dos responsables de informativos, acusándoos de actuar por mandato político para ocultar a gravidade da situación.
Os traballadores falan de “vergoña, impotencia e carraxe” pola desidia dos seus superiores, e esixen recuperar un papel de servizo público, con información minuto a minuto desde todas as frontes. Este silencio e opacidade informativa non son accidentais: forman parte da estratexia dun goberno que, mentres pide máis medios ao Estado, nega con feitos e palabras a dimensión real da catástrofe.
A isto engádese unha ocultación masiva de datos: segundo revelou a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, no que vai de agosto houbo xa 492 incendios rexistrados, mais a Xunta só divulgou información de 45. É dicir, 447 lumes foron silenciados, comunicando só os que superan as 20 hectáreas ou afectan a lugares poboados ou espazos protexidos. Unha práctica iniciada nos anos de Feijóo e mantida até hoxe, que impide á cidadanía coñecer con rigor a situación real e reforza a estratexia de minimizar a crise.
Este nivel de manipulación informativa deixa claro que a emerxencia non é só ambiental e social: tamén é democrática.
Un desastre ambiental e social
As consecuencias van moito máis aló do inmediato. Milleiros de persoas foron confinadas, evacuadas ou quedaron sen casa. Animais, colleitas e pastos foron arrasados, reducindo aínda máis a viabilidade dun rural xa precarizado. Ademais, en Chandrexa a veciñanza denuncia que o lume destruíu amplas superficies da Rede Natura 2000, un espazo que debía estar protexido pola UE e que agora fica devastado. Corzos, cervos, lobos, xabaríns e aves como a pita do monte foron arrasados, xunto con especies autóctonas de gran valor. O que debía ser un instrumento de conservación converteuse en territorio abandonado pola Administración, sen xestión nin defensa real fronte ás lapas. Espazos naturais de grande valor quedaron devastados, e a biodiversidade sufrirá un impacto que tardará décadas en repararse.
O lume non só consome árbores, consome tamén a base produtiva do territorio, debilitando a capacidade de reproducir vida no campo galego e incrementando a dependencia da agroindustria e das importacións.
As concentracións cidadás que berran “lumes nunca máis” apuntan o camiño: un servizo público único e permanente de prevención e extinción, con persoal recoñecido e ben dotado; unha política forestal baseada en especies autóctonas, no aproveitamento sustentable do monte e na recuperación do rural; e uns medios públicos que informen con transparencia, e non como altofalante do poder.
Mentres non haxa un cambio estrutural, cada verán repetiranse as mesmas escenas: aldeas cercadas polas lapas, brigadistas exhaustos e veciños loitando cos seus propios medios, mentres desde arriba se fala de “inevitabilidade” ou de “condicións meteorolóxicas extremas”.
O lume que hoxe devasta Galicia —con cifras provisionais que xa pulverizan todas as marcas— non é un accidente: é o reflexo dun sistema que abandona o común para beneficiar a uns poucos. Apagalo require algo máis que avións e helicópteros: require mudar de raíz o modelo que nos trouxo ata aquí.