Muller traballadora e precariedade: Desafíos e loitas dende a Illa de Arousa
A palestra organizada polo PCG destaca as dificultades en sectores como a limpeza e o Servizo de Axuda a Domicilio
O venres 15 de marzo tivo lugar na Illa de Arousa unha palestra co título “Muller traballadora e precariedade”. Participaron nela Marta Núñez, traballadora da limpeza en Correos, e Marisol Gómez, da plataforma do Servizo de Axuda a Domicilio.
Marta Núñez puxo de manifesto as dificultades que teñen as mulleres no sector da limpeza, o coñecido como chan pegañento, xa que os homes entran coa categoría de cristaleiros, con xornada completa, mentres que as mulleres teñen dificultade en que lles completen as horas. Tamén reciben salarios superiores, con acceso a máquinas e a cargos de responsabilidade, pasando por riba delas. Así mesmo, sinalou a discriminación que sofren en especial as mulleres con discapacidade e as inmigrantes, que semella que só poden acceder a postos de traballo nos sectores da limpeza ou dos coidados. Con respecto ao conflito no que se encontran, hai que dicir que levan seis meses sen cobrar, logo de que Correos adxudicase o servizo a unha empresa que nin sequera cumpría os requisitos para contratar co sector público, ademais de que xa debían salarios a traballadoras na súa localidade de orixe. Tras varios meses de mobilizacións das traballadoras, en ocasións contra o boicote do persoal de Correos, este adxudicou o servizo a outra empresa, pero as traballadoras seguen sen percibir as súas retribucións. Hai que ter en conta que con salarios que rondan o SMI e as xornadas parciais, a situación é insostible dende hai tempo. Moitas delas están en tratamento contra a depresión ou a ansiedade, ademais de ter débedas con bancos, familiares e persoas achegadas.
Marisol Gómez explicou que a aprobación da lei de dependencia supuxo unha precarización absoluta das súas condicións laborais, xa que as grandes empresas fixéronse cos contratos públicos e queren maximizar a súa taxa de ganancia a costa delas. Teñen dificultades co transporte, que corre da súa conta, co que supón de desgaste do vehículo e o prexuízo pola suba do prezo do combustible. Tamén sinalou que as empresas lle restan unha parte do tempo que deberían dedicar aos usuarios. No seu caso, a opción de convocar folga é inviable, xa que os servizos mínimos poden chegar a máis do 90%, ademais das dificultades derivadas do feito de non contar cun centro de traballo común, e de que as empresas buscan o enfrontamento entre elas. Debido á natureza do seu traballo, tamén se ven presionadas, xa que non poden deixar sen atender a grandes dependentes, o que supón unha chantaxe emocional engadida, xa que acaban por establecer lazos persoais cos usuarios. Malia todo, en moitas ocasións, o seu traballo de atención ás persoas dependentes acaba por convertelas en asistentas e cociñeiras para toda a unidade familiar, con tarefas que non lles corresponden. Tamén denuncia a inseguridade que sofren, debido ao seu illamento no domicilio, en ocasións teñen que atender a persoas con problemas mentais, co risco que isto supón, ademais de padeceren situacións de acoso sexual. Con todo, contan coa solidariedade de moitas familias, que son conscientes da situación na que se encontran.
Como consecuencia, cómpre loitar contra a depredación das empresas de multiservizos, que se enriquecen a costa desta precarización e incumprimento dos contratos e reivindicar que estes servizos, que son fundamentais, volvan a ser públicos, con xornadas e salarios que permitan ás mulleres desenvolver unha vida plena. Logo doutras intervencións por parte do público, apelouse á loita das mulleres traballadoras unidas pola mellora das súas condicións, e por conseguir que os sectores máis feminizados adquiran o prestixio que merecen.