Os capitalistas están enfrascados nunha guerra feroz contra a Clase Traballadora e contra os dereitos que conquistamos ó longo da Historia con loita e sacrificio. Pretenden asegurar ós seus privilexios reconfigurando os estados burgueses, reducindo a súa estrutura ó mínimo. Isto entra en conflito coas funcións do sector público: a prestación de servizos universais, gratuítos e de calidade, que garantan o benestar e o nivel de vida da clase traballadora.
Primeiro, reducen os presupostos para degradar os servizos. Logo, promoven que o privado xestione o público. Así fixeron PP e PSOE coa lei 15/97, de “novos xeitos de xestión do sistema sanitario”, que permite a privatización de servizos e o espolio da Sanidade Pública.
A degradación do Estado é un medio para roubar recursos públicos e poñelos nos petos dos ricos. O ataque contra a industria pública, e nomeadamente na nosa comarca, contra o sector naval, é unha fronte máis nesa guerra.
Estes días asistimos a un novo intento de agresión: a dirección de Navantia pretende a subcontratación de importantes áreas da Fabrica de Turbinas (verificado, pañois, metroloxía, envíos...). Xa coñecemos as nefastas consecuencias: substituír postos de traballo dignos por outros precarios para que algúns empresarios e amigolos se forren con negocietes e trangalladas.
- Non existe ningún argumento digno de tal nome que apoie a pretensión da dirección de Navantia, agás contribuír ó desmantelamento, ó espolio e á precariedade.
- O chamado “goberno mais de esquerdas da historia” mantén na SEPI e na dirección de Navantia a un fato de ultraliberais. O seu traballo é destruír os bens públicos dende dentro. Hai que botalos: o sector público non pode estar dirixido por quen no cree nel.
- A subcontratación e a privatización son graves ameazas para traballadores e traballadoras. Os que as defenden son inimigos da clase obreira e, como tales, debemos combatelos.
- Lamentablemente, algunhas organizacións sindicais asumen o discurso e os plans da dirección de Navantia. Os traballadores debemos rexeitar ó quintacolumnismo e apoiarnos nas organizacións de clase que teñen por bandeira a defensa dos traballadores e ó interese colectivo.
O Núcleo Comarcal do Partido Comunista de Galicia chama a todos os traballadores de Navantia, de plantilla e Industria Auxiliar, a unirse, a organizarse e a defender de xeito férreo e intransixente os seus intereses. Compre non caer en localismos e visións egoístas. É necesario pasar á ofensiva, na loita conxunta de toda a clase obreira por mellorar as condicións sociais e laborais, cara ó
derrocamento revolucionario do capitalismo e pola construción dunha sociedade
onde os medios de produción estean totalmente baixo o control da clase obreira.
En Ferrol, a 3 de outubro de 2022
EN DEFENSA DO SECTOR PÚBLICO
NON OS BUITRES DE AUXILIARES, CONTRATACIÓN DIRECTA XA!
BASTA DE CHANCHULLOS E PRIVATIZACIÓN EN NAVANTIA