COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Non é neutralidade, é control ideolóxico para manter un sistema inxusto.

2 de xullo de 2025

O Goberno da Xunta de Galicia, no seu afán por deslexitimar ó profesorado galego e garantir un pretendido control ideolóxico da educación, vén utilizando unha retórica perigosa e infundada. As acusacións de "clase ociosa" por parte do Subdirector Xeral de Inspección Educativa, Enrique Prado Cueva, e de "adoutrinamento ideolóxico" non só son insultantes, senón que revelan unha profunda incomprensión do papel da educación na construción dunha sociedade xusta e crítica. Como defensores dunha educación transformadora, rexeitamos frontalmente estas afirmacións e subliñamos a importancia da escola como espazo de liberdade e pensamento crítico.

A chamada "neutralidade ideolóxica" que pretende impoñer o goberno de Alfonso Rueda e o conselleiro de educación, Román Rodríguez, non é máis ca unha coartada para reprimir o pensamento crítico e silenciar as voces dos traballadores e as traballadoras da educación máis comprometidas coa denuncia do sistema capitalista e os valores neoliberais. A educación, por definición, nunca é neutra. Transmite valores, coñecementos e formas de ver o mundo. A cuestión non é se a educación ten ideoloxía, senón que tipo de ideoloxía promove.

Unha educación que se pretenda "neutra" no contexto actual do noso país e do mundo, o que fai é perpetuar o statu quo, validando e reproducindo as desigualdades sociais e económicas existentes. Á “neutralidade ideolóxica” do Partido Popular moléstalle que nas escolas e institutos galegos se fale de Altri, do xenocidio palestino, da lingua galega, da inclusión e a diversidade social, do feminismo e a igualdade de xénero, da memoria democrática... é dicir, de todos aqueles temas que interpelan directamente á sociedade desde unha perspectiva crítica e transformadora.

A nosa misión como educadoras e educadores non é adoutrinar, senón proporcionar as ferramentas para que o alumnado poida analizar a realidade de forma autónoma, cuestionar o establecido e construír o seu propio criterio. Isto supón necesariamente abordar temas controvertidos, promover o debate e fomentar a participación activa do estudantado na análise dos problemas sociais, económicos e políticos que nos rodean.

Fronte aos ataques da Xunta, reafirmamos o noso compromiso cunha educación pública, laica, inclusiva e de calidade, que promova os valores da xustiza social, a igualdade, a solidariedade e o respecto á diversidade. Unha educación que fomente a curiosidade, a creatividade e o espírito crítico. É fundamental que as escolas e institutos galegos sigan, aínda máis, sendo espazos de debate, de pluralidade de ideas e de construción colectiva do coñecemento. Non podemos permitir que o medo e a censura entren nas nosas aulas.

A loita por unha educación verdadeiramente transformadora é unha loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Categorías:

Comparte: