COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O compromiso do 14 de abril

14 de abril de 2023

Un brillante 14 de abril, o de 1931, do que hoxe celebramos o nonaxésimo segundo aniversario, este país amencía ilusionado pola proclamación da II República. Millóns de mulleres e homes vibraban esperanzados ante o enorme paso cara á democracia, á liberdade e á xustiza social.

Ciceron dixo que "res pública" é o que pertence ó pobo, pero República tamén significa igualdade, liberdade e dereitos. Para nós, os comunistas, República ten un significado máis extenso: República é un colectivo cunha profunda comprensión de que os seus intereses individuais forman parte do ben común.

En oposición ós desleigados que tentan convertela nunha data litúrxica e baleira, debemos encher cada 14 de abril de compromiso e propósito; de compromiso para rememorar a Historia, unha e as dez mil veces que faga falta; de propósito contra a amnesia, para contar o que pasou ós que aínda non saben, para recordar os feitos ós que xa esqueceron e para impugnar ós que non queren lembrar.

Especialmente e con moito orgullo queremos reivindicar as mulleres e homes que nos precederon. Lembramos os caídos Amada Garcia Rodriguez, camarada de Mugardos fusilada en Ferrol en xaneiro de 1938, e a Juan Prieto Balsa, obreiro, comunista e alcalde de Mugardos, fusilado en Ombre o 25 de xullo de 1936.

Queremos evocar o noso Secretario Xeral, José Díaz Ramos, quen con grande acerto entendeu a II República como vontade da clase traballadora e da maioría social e que, chegado o momento aciago da guerra, non dubidou en chamar ás armas para defender tenazmente a República fronte ó fascismo.

É a nosa obriga lembrar e honrar as Brigadas Internacionais que axudaron a defender a República. Máis de 42.000 homes e mulleres acudiron dende todos os recunchos do mundo, cando levantamos a bandeira sen fronteiras da solidariedade internacionalista. Este ano queremos lembrar e honrar en especial ó cento largo de brigadistas que chegaron dende a lonxana China. Homes como Zhang Ruishu, Ching Siu Ling ou Xie Weijin, que foi comisario político na artillería das Brigadas. De Xie, conta seu fillo que sempre levou España no corazón e na memoria.

Debemos dicir con orgullo que se algo distingue ó noso Partido é que sempre permaneceu eiquí, porque foron milleiros os homes e mulleres deron o seu mellor durante a Longa Noite de Pedra. Temos o exemplo dos camaradas Benigno Fraga Pita e seu fillo Conrado Fraga. O primeiro, combatendo coa II Agrupación do Exército Guerrilleiro en Ourense e o segundo, no traballo da resistencia política no interior. Ambos contribuíron á inmensa tarefa colectiva de manter vivas as esperanzas de liberdade e democracia dun pobo esmagado pola ditadura.

Isto tráenos a unha última reflexión: Voltan os tempos complicados, camaradas. Pero é nestas fases, en aparencia adversas, onde os comunistas prevalecemos, porque comprendemos mellor os procesos históricos e a confrontación das clases e das súas distintas fraccións; porque somos conscientes da nosa capacidade para sinalar o camiño cara ás aspiracións da clase obreira no seu papel transformador e indispensable na Historia.

No Brumario, Karl Marx advertíanos que as circunstancias históricas operan nun retorno cíclico, e talmente camiñamos cara a un ciclo conflitivo. As democracias liberais venderon unha idea de Europa que evocaba a fraternidade dos pobos nun proxecto supra-nacional e de prosperidade compartida. Setenta anos despois, o soño tornou nunha farsa de austeridade, nacionalismo, autoritarismo, recesión económica e guerra.

Pero os comunistas nunca podemos ser derrotistas. Nos distingue a férrea vontade de construir, aínda que sexa dende ruínas e cinzas. Esta é a mellor vacina contra o derrotismo. Temos moita labor por diante, e o acicate para perseverar, traballar e construír debe ser a memoria dos que nos precederon; o exemplo dos que Marcelino Camacho dixo que nunca foron domados, nin dobrados, nin domesticados nin vencidos, e ós que hoxe rendemos sentida e merecida homenaxe ante as pedras destes muros.

Polos que foron, somos! Que os seus nomes e o seu exemplo non se borren nunca da nosa memoria!

Viva o 14 de abril!
Viva a República!
Viva a Clase Obreira!
Viva o Partido Comunista!

Categorías: Ferrolterra

Comparte: