COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O galego no centro

17 de maio de 2022

A lingua deféndese en cada espazo das nosas vidas. Por iso, este 17 de maio dicimos que hai que poñer o galego no centro.

No centro de estudos, onde o galego non é a verdadeira lingua vehicular. Onde as políticas do PP de Feijóo camiñaron cara un falso trilingüismo -co fin de agochar o problema da diglosia-; trilingüismo para o que non hai nin formación para o profesorado nin recursos para os centros.

Poñer o galego no centro de ensino infantil e primario, que continúan a ser o lugar de abandono da nosa lingua entre os nenos e nenas galegofalantes. E nos centros de estudos superiores, onde as opcións para recibir un ensino en galego depende en exclusiva da decisión do profesor ou profesora.

No centro de traballo, onde estamos fartas de ver políticas empresariais de prohibición do galego entre os e as traballadoras, e especialmente de cara ao público. Isto non responde en exclusiva á globalización e deslocalización que fai que ó capital lle interese que a clase traballadora saiba comunicarse en linguas, desde o seu punto de vista, máis produtivas. Responde a unha batalla ideolóxica na que a nosa lingua perde valor social. Ningunha política pública de fomento do galego no traballo. Practicamente ningunha promoción do galego na comunicación empresarial.

Temos que poñer o galego no centro, tamén na cultura. Dende os medios de comunicación até a produción artística. Contamos cunha televisión pública que cada vez ten máis contidos e protagonistas en castelán. En parte, debido a que a CRTVG é unha corporación á que o PP restou capacidade de produción propia, reducindo o número de traballadoras e traballadores e externalizando case toda a produción. Na prensa escrita, vemos como os xornais de maior tirada, e os que máis financiamento público reciben, publícanse en castelán (excepto o 17 de maio).

O financiamento e potenciación de artistas en galego deixou de existir. É necesario esixir unha maior porcentaxe de artistas en galegos en calquera festival que teña financiamento público.

E tamén nos centros de saúde, na xustiza e en xeral en toda a administración. Debemos seguir defendendo a atención en galego para as persoas que así o soliciten.

Pero especialmente, a nosa lingua debemos defendela no centro das nosas vidas. Coas nosas familias e amizades. Cos nosos compañeiros e compañeiras de estudos e de traballo. Porque é a lingua que nos deixaron en herdanza. E é a lingua que mellor nos vale para desenvolver a nosa vida na nosa terra.

Que o número de persoas galegofalantes vai en retroceso deixou de ser unha novidade hai moitos anos. A novidade sería que cada vez que vemos ese titular veña acompañado dunha rendición de contas. É imprescindíbel denunciar a falta de fomento do noso idioma polos gobernos da Xunta de Galicia.

Pero nós, nós debemos tamén tomar partido e dar o paso para recuperar o noso idioma. Usando o galego na nosa vida privada, pública e política, e facendo del a nosa lingua vehicular.

 

Categorías:

Comparte: