COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O Partido Comunista De Galicia esixe a súa incorporación á Comisión Sectorial De Memoria Histórica De Neda

5 de abril de 2024

Esperpéntica e vergoñenta, así é a situación creada no Concello de Neda a raíz da negativa do alcalde a cumprir a Lei de Memoria Democrática e retirar un monumento de exaltación fascista.

Durante a lexislatura iniciada en 2015, na que o goberno de Neda estaba composto pola coalición de PSOE, BNG e Converxencia Galega, se constituíu unha Comisión Municipal de Memoria Histórica na que estaban representados todos os grupos políticos do consistorio. Esta comisión coordinou e visou o traballo de varios historiadores, entre eles Bernardo Maiz, Manuela Santalla e Eliseo Fernández. Froito do traballo e conclusións da comisión, executouse a retirada de case todos os vestixios fascistas agás a denominada Cruz dos Caídos e unha rúa en honor ó alcalde franquista Gerardo Luaces.

É necesario recordar que, cando aínda eran socios de goberno, o BNG non fixo moito por forzar ó PSOE a rematar coa retirada de todos os vestixios fascistas. Cambiaron o cumprimento da lei, dos acordos de comisión e do pleno polo cómodo mantemento da súa Concellería de Cultura. A charqueira enlamada de titulares de prensa e denuncias de grupos fascistoides nas que chapotea hoxe Neda son, en parte, o resultados daquelas cesións.

Por outra banda, tamén é necesario recordar que a agrupación Movemento Veciñal Neda – MOVENEDA, foi a que máis empurrou para dar cumprimento, tanto á lei de memoria vixente, como ós diversos acordos plenarios, sempre na liña da retirada dos restos de exaltación franquista que aínda permanecían en varios lugares públicos do concello.

Xa en 2024, e anos despois das conclusións daquela comisión municipal, o alcalde do PSOE, Angel Alvariño, non só se nega a cumprir unha lei impulsada polo seu propio partido, senón tamén a dar cumprimento ás conclusións da Comisión Municipal de Memoria Histórica, buscando todo tipo de arteiradas para dilatar a retirada dun símbolo fascista que el mesmo sabe que é inevitable que desapareza.

A última novidade deuse no pleno da semana pasada, no que o goberno de Neda votou a favor de manter a cruz fascista. O alcalde anunciou por sorpresa a creación dunha Comisión Sectorial de Memoria Histórica. Estas Comisións Sectoriais existen noutros concellos do estado, e nas mesmas están incluídos partidos políticos, sindicatos, organizacións memorialísticas e familias de afectados. No caso de Neda, inexplicablemente, ó parecer só se convidou a participar á Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática e ós partidos con representación no Concello.

Dende o Núcleo de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia chamamos a todas as familias de represaliados, sindicatos e entidades da comarca con interese na recuperación da memoria histórica, a que soliciten ó Goberno de Neda a súa inclusión en dita Comisión Sectorial de Memoria Histórica.

Nesa liña, o Núcleo de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia esixe a súa inclusión na Comisión Sectorial de Memoria Histórica. Un grande numero dos asasinados e represaliados desta comarca, foron camaradas militantes e simpatizantes do Partido Comunista de España, do que o PCG forma parte federal. Polo tanto, consideramos que temos máis que sobradas razóns morais e políticas para estar en dita comisión, contribuíndo á defensa da memoria dos nosos camaradas caídos e represaliados, a velar por un axeitado enfoque da mesma e, sobre todo, a que se cumpra a vixente Lei de Memoria Democrática, evitando como acontece noutros casos, a que comisión se convirta nunha manobra dilatoria para enterrar o asunto en papeleo e discusións estériles.

Categorías:

Comparte: