COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG apoia a manifestación convocada polos sindicatos en defensa de Alu Ibérica.

24 de marzo de 2021

Incansables na defensa dos seus empregos e do sector industrial en Galicia, as traballadoras e traballadores de Alu Ibérica continúan coas mobilizacións. Este sábado, 27 de marzo, chaman a todo o pobo a manifestarse polas rúas de A Coruña baixo o lema “Na defensa do emprego, por un futuro industrial e contra a represión sindical”.

 

Nos últimos meses a empresa vén exercendo unha persecución continua contra os representantes sindicais que lideran as denuncias de irregularidades nas operacións de compravenda da factoría. Esta presión rematou en despedimentos e en prácticas mafiosas que boicotean a lexítima labor sindical. O Grupo Riesgo quere desmantelar a empresa e para iso precisa rematar coa única oposición que se atopou durante os últimos meses: a organización obreira.

 

Dende o comité de empresa esixen a intervención inmediata de Alu Ibérica, sobre todo agora que as sospeitas entorno ao engano que supuxo a venta das fábricas (A Coruña e Avilés), primeiro a Capital Panter e logo ao Grupo Riesgo, parecen certeiras. Dende o comité advirten que só restan cinco meses para que venza o prazo das condicións establecidas na venta, nas que se garantía o emprego e a actividade de Alu Ibérica, Polo que, sinalan, podemos estar ante a última oportunidade para salvar a produción de aluminio na Coruña e os postos de traballo.

 

Dende o PCG facemos nosa a solicitude inmediata da intervención das factorías de A Coruña e Avilés por parte da administración, pero non para sanear as contas, devolver a viabilidade ao proxecto e venderllas logo a un inversor privado, senón para nacionalizalas e que pasen a formar parte do patrimonio de todas e todos. Vinte anos despois é patente que a ocorrencia de Aznar de vender Inespal a Alcoa foi un desastre para a economía española e, polo tanto, é o momento de recobrar o sentido común e reverter o proceso. O proceder especulativo da multinacional é evidente. Resulta irrebatible que Alcoa só adquiriu ás plantas de produción de aluminio do Estado para desmontalas e así manter, cos seus socios, a hexemonía mundial sobre a elaboración e distribución do produto. Debemos aprender unha lección colectiva: deixar en mans privadas os nosos sectores produtivos esenciais é unha irresponsabilidade á que debemos poñer fin de maneira inmediata, e a nacionalización das plantas de Alu Ibérica e Alcoa San Cibrao é un bo xeito de comezar. Non intervir de maneira inmediata estas dúas fábricas é redundar no erro do goberno do PP.

 

Dende aquí queremos recoñecer a inesgotable loita das traballadoras e traballadores de Alu Ibérica na defensa, non só do seus postos de traballo, senón tamén do tecido industrial do país e do noso futuro. Nun ano de profundas dificultades para todas e todos, a plantilla foi un exemplo de perseveranza: amosando a toda a clase obreira cal é o camiño para defender os nosos dereitos laborais e tamén o noso orgullo. Polo que non queremos pasar a ocasión de felicitar á plantilla de Alu Ibérica pola súa loita. Como comunistas sempre estaremos ao lado de aqueles que loitan polos dereitos da clase obreira, e sobre todo, do lado de quenes o fan con tanta abnegación, confianza e forza.

 

Un saúdo a toda a plantilla de Alu Ibérica, recoñecemento ás presións que están soportando e solidariedade coas compañeiras e compañeiros despedidos.

 

 

A manifestación sairá ás 12h da Delegación do Goberno.

Categorías:

Comparte: