COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG apoia as mobilizacións dos e das traballadoras do metal en Pontevedra

17 de xuño de 2023

O sector do metal pontevedrés comezou unha serie de xornadas de folga no marco da negociación do novo convenio colectivo provincial. As primeiras tiveron lugar o pasado 15 de xuño en Vigo, Arousa e Pontevedra.

O metal, de especial importancia para a comarca de Vigo, leva décadas impulsando folgas e mobilizacións na procura de melloras das súas condicións de traballo. Nesta ocasión, como non podía ser menos, o sector vese de novo na obriga de mobilizarse ante a falta de vontade da patronal para chegar a ningún acordo. De feito, na última reunión, celebrada o 14 de xuño, a patronal levantouse da mesa logo de tres horas de negociación sen ningún avance.

O conxunto de reivindicacións desenvolvidas polos sindicatos do sector incorpora medidas tales como manter o nivel adquisitivo do cadro de persoal, reducir unha xornada anual que leva décadas fixada en 1776 horas ou asegurar a subrogación do persoal no caso de cambio de empresa tamén no ámbito privado. A patronal non só nega estas medidas, senón que desliza a intención de introducir ETTs no sector, unha posibilidade prohibida até o de agora. Esta actitude amosa a súa prepotencia e falta de vontade de negociación.

Dende o PCG reiteramos o noso total apoio ás traballadoras e traballadores do sector do metal da provincia de Pontevedra na súa loita e poñémonos a súa disposición en todo o que sexa necesario. As xornadas de folga do 20 e o 22 de xuño deben seguir a estela da celebrada o día 15 e amosar a forza dos e das traballadoras do metal pontevedrés para acadar unhas reivindicacións esenciais para o sector.

Categorías: Vigo

Comparte: