COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG apoia ás traballadoras do convenio do metal na provincia de Pontevedra

9 de abril de 2021

Dende o Partido Comunista de Galicia queremos manifestar o noso apoio ao plante de horas extra e convocatoria de folga dos traballadores e traballadoras do metal da provincia de Pontevedra no marco da negociación do convenio provincial.

Neste momento de precarización das condicións da clase traballadora, o sector do metal é un dos poucos nos que aínda se dan as condición para presentar unha potente oposición obreira ás pretensións da patronal de aproveitar a crise do COVID 19 para aumentar a explotación das traballadoras e traballadores. Neste contexto o sector do metal é un referente da loita obreira polo que ten unha dobre responsabilidade na confrontación co capital, tanto polo que supón para as condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector, como polo exemplo que dan ao resto da clase traballadora.

A negativa da patronal a un aumento salarial minimamente significativo, xunto coas súas esixencias de permitir a entrada no sector do metal das empresas de traballo temporal máis a eliminación do pago mensual da indemnización por eventualidade non son produto dunha necesidade para a supervivencia das empresas, se non o puro intento de aumentar as rendas do capital a costa de diminuír as rendas do traballo.

A maiores hai que lembrar que a patronal xa ten postos os seus ollos nos fondos de recuperación europeos, dos que pretende botar man sen que iso supoña ningunha mellora para quen xera valor, que non son outros que as traballadoras e traballadores. Pretenden beneficiarse dos cartos públicos, os cartos que xeramos a clase traballadora europea, ao mesmo tempo que pretenden non xa negarnos calquera mellora, se non incluso empeorar as nosas condicións.

Por todo isto, dende o Partido Comunista de Galicia, felicitamos a unidade sindical acadada por CCOO, CIG e UGT na loita pola mellora do convenio colectivo do sector do metal da provincia de Pontevedra e apoiamos totalmente as reivindicacións das traballadoras e traballadores e facendo nosas as súas reivindicacións poñémonos ao seu servizo.

Que viva a loita da clase obreira!

Categorías: Vigo

Comparte: