Vigo, a 30 de xullo de 2025
Desde o PCG condeamos o asasinato de Teresa e enviamos unha aperta á súa familia e persoas queridas.
As traballadoras do SAF do Porriño e de todos os concellos de Galicia veñen denunciando os riscos aos que se expoñen. Os seus centros de traballo son os domicilios nos que sofren lesións de todo tipo polas tarefas que desenvolven. Pero hai tamén agresións, violencia verbal e física dalgúns usuarios e usuarias e de familiares, que esta vez rematou do peor xeito posible. Todo isto por un salario moi pequeno, contratos a tempo parcial con horarios moitas veces inestables e facendo os desprazamentos no seu propio vehículo e a toda présa.
Agora todos e todas choramos a Teresa pero isto non vai de sentimentos senón de dereitos, de non escorrer o vulto do SAF na empresa externa de quenda que ofrece o servizo máis barato e trata a traballadoras e persoas usuarias como mercadoría. A responsabilidade é aquí de concellos e Xunta, uns non se fan cargo da xestión directa mentres outros non achegan cartos abondos e afogan as arcas municipais. A isto chegouse coa complicidade do PP, PSOE e tamén BNG cando na Xunta pasou a competencia aos concellos sen blindar o seu financiamento. No Porriño, demandouse unha e outra vez a xestión municipal e a dignificación e recoñecemento do cadro de persoal do SAF. Todo foron escusas tamén de PSOE, PP e BNG.
Clasismo e machismo a partes iguais. A situación das traballadoras ten moito que ver coa súa condición de mulleres e co escaso valor que se dá ao seu traballo. Saen a traballar por unha miseria deixando a saúde e, como Teresa, a vida. Non se fai unha avaliación axeitada dos riscos en cada servizo, nin un seguimento e tampouco se atenden as súas queixas. As que esixen os seus dereitos sofren represalias con reducións de horas ou desprezo pola súa “falta de formación”.
Dende o PCG esiximos unhas condicións dignas para quen nos axuda a coidar das nosas familias: traballar seguras e por un salario digno. Isto só pode garantirse con unha xestión pública directa, a remunicipalización do SAF, co financiamento que o faga posible desde a Xunta, no Porriño e en todos os concellos galegos.
Comité Comarcal do Partido Comunista de Galicia en Vigo