O Partido Comunista de Galicia na comarca de Vigo quere amosar o seu total rexeitamento fronte a iniciativa da Universidade de Vigo en relación coa folga de VITRASA.
A Universidade de Vigo anunciou unha serie de medidas coas que tenta sabotar a folga indefinida do cadro de persoal de VITRASA que comezou o pasado mes de novembro nas que contempla a mediación para elevar os servizos mínimos e o uso de dous autobuses propios da universidade, entre outras medidas. As medidas propostas para paliar e compensar a situación xerada por esta folga que vai camiño dos tres meses son un ataque sen precedentes ao lexítimo dereito á folga das traballadoras e traballadores de VITRASA.
Dende o núcleo de ensino do PCG na comarca de Vigo sinalan que “entendemos as necesidades de desprazamento do alumnado e do persoal da universidade pero, como toda folga, esta busca exercer a presión que sexa precisa na defensa dunhas condicións laborais dignas. Tratar de neutralizar as súas consecuencias desde unha institución como a Universidade de Vigo é totalmente contrario aos principios de 'igualdade, solidariedade, democracia e liberdade' que propugna e di defender”.
Neste sentido, insisten dende o PCG que as medidas propostas pola Universidade de Vigo son un mal exemplo para unha institución que debería estar ao carón da sociedade viguesa, da súa clase traballadora e apostando pola mellora dos seus servizos e non ao contrario.
Dende o Comité Comarcal do PCG reclaman á Universidade de Vigo a retirada de ditas propostas e fai un chamamento á solidariedade do conxunto da comunidade universitaria en apoio á loita dos traballadores e traballadoras de VITRASA. A defensa dos dereitos da clase traballadora están por riba das molestias que se poidan tratar de atallar.
Comité Comarcal do PCG en Vigo