O Partido Comunista de Galicia denuncia a hipocrisía institucional e a impunidade patriarcal no caso Villares
O Partido Comunista de Galicia (PCG) manifesta a súa máis firme condena ante a xestión política e institucional do caso que implica ao xa exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, denunciado por unha presunta agresión sexual mediante submisión química durante un acto oficial.
A reacción do Partido Popular fronte a este feito gravísimo non foi a defensa da vítima nin a condena inmediata da conduta denunciada. Pola contra, optouse polo silencio, a protección do acusado e o adiamento do conflito ata que se fixo insostíbel desde o punto de vista político. A posterior exhibición pública de apoio ao presunto agresor, sen o máis mínimo recoñecemento á vítima nin á gravidade do caso, representa un exemplo flagrante de falta absoluta de perspectiva de xénero.
Esta actitude non é un feito illado, senón expresión dun patrón sistémico: o patriarcado institucional activa os seus mecanismos de protección cando quen está baixo sospeita pertence á elite política e social. Unha vez máis, a palabra dun home branco, con poder e cargo público, vale máis que a dunha muller denunciante. O Partido Popular contribúe así á revitimización e á desmobilización das vítimas, transmitindo unha mensaxe perigosa: se denuncias, serás cuestionada e abandonada.
Resulta aínda máis grave comprobar a dobre vara de medir que aplica o PP: mentres que esixe dimisións inmediatas e promove linchamentos mediáticos cando o acusado pertence á esquerda, pecha filas e minimiza os feitos cando se trata dun dos seus. A defensa corporativa e o silencio cómplice acaban por converter as institucións en espazos inseguros para as mulleres e cómodos para os agresores.
Desde o Partido Comunista de Galicia denunciamos este comportamento como parte dun sistema máis amplo de dominación patriarcal e de clase. A violencia machista é funcional ao capitalismo: serve para controlar, dividir e someter. É unha ferramenta estrutural que garante a continuidade dos privilexios dunha minoría á custa da liberdade e seguridade da maioría.
Para o PCG, a loita feminista está indisolublemente vencellada á loita de clases. Non pode haber emancipación real das mulleres sen cuestionar o poder patriarcal que habita nas institucións, nos medios e nas estruturas do sistema. A denuncia é só o primeiro paso. É necesario derrubar o pacto de silencio que perpetúa a impunidade.
O que está en xogo non é un caso illado: é a capacidade de calquera muller, especialmente das pertencentes ás clases populares, de vivir con liberdade e dignidade, sen medo a ser agredida ou silenciada. Denunciar, ser escoitada, crida e defendida debe ser un dereito garantido, non unha ameaza.
A nosa resposta debe ser colectiva, organizada e firme. O feminismo combativo e de clase ten que ocupar o espazo público fronte á complicidade institucional. A defensa das vítimas debe ser sempre prioritaria.