COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG denuncia o ERTE da factoria Stellantis, antiga PSA

29 de marzo de 2021

Ante a intención da factoría de Stellantis Vigo (Antiga PSA Vigo) de negociar un novo ERTE, o Partido Comunista de Galicia fai as seguintes consideracións:

O rasgo principal desta planta nos últimos anos foi a constante precarización das condicións sociais, laborais e económicas dos traballadores. Cun aumento incesante dos seus beneficios, incluso durante a actual pandemia, incrementou un 22% da produción en comparación co ano anterior, coas inconveniencias que supón o uso dos novos EPIs e o incremento das cargas de traballo que non diminuiron por este motivo.

A dinámica actual do sistema económico dominante emprégase pola dirección de Stellantis Vigo de xeito vergoñento, pondo de manifesto unha nula responsabilidade social. Por un lado, os seus beneficios non son distribuídos de xeito equitativo entre quen realmente xera a riqueza, que é a clase traballadora, repartindo 1.000 millóns de euros entre os accionistas, e repartindo unha ínfima parte dos seus beneficios nunha paga de beneficios non consolidable.

Por outra banda, Stellantis Vigo apresurase a solicitar de xeito constante axudas e inversións publicas, como a infraestructura de electrificación de alta tensión ata a planta ou os futuros fondos europeos “Next Generation”, e demais axudas públicas e bonificacións fiscais moi cuantiosas para as arcas publicas.

Esta realidade implica que as ganancias sempre son privatizadas, pero si se prevén posibles perdidas de beneficios, acoden rapidamente ao sistema publico para socializar a posible merma na marxe de beneficios.

Agora a planta con motivo dun modelo loxístico escollido por ela mesma, e ante o desabastecemento de semiconductores, propón un novo ERTE. Un ERTE onde os traballadores serán os grandes prexudicados, coas súas cotizacións e o seu desemprego, e tamén o serán novamente penalizados os recursos públicos.

Pero só unha parte da clase traballadora terá protección por este ERTE xa que moitos dos que quedarán desprotexidos son as persoas con situacións contractuais máis precarias, os contratos a tempo parcial e os eventuais, estes a priori quedarán sen ningún tipo de protección si a empresa non propón medidas de acompañamento social para estes colectivos.

En definitiva, a responsabilidade social en Stellantis Vigo debería ser coa protección de tódola clase traballadora independentemente do seu contrato ou duración, e que os seus beneficios deben reverter nos traballadores e na sociedade en xeral, xa que unha decisión estratéxica loxística non debe ser un prexuízo á clase traballadora.

Categorías: Vigo

Comparte: