COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG ESIXE UNHA RECUPERACIÓN TOTAL DOS DEREITOS ROUBADOS AO PROFESORADO GALEGO

20 de outubro de 2023

O Partido Comunista de Galicia fai un chamamento a manter a mobilización do profesorado e rachar coas políticas neoliberais do goberno galego.

O pasado 11 de outubro, tras apenas unha semana de negociacións e tras a ameaza de non aplicar nin unha soa das medidas propostas inicialmente, a Xunta de Galicia chegou a un acordo con CCOO, ANPE e UGT que recolle medidas para a “mellora estrutural do sistema educativo”.

Tras 13 anos de recortes sistemáticos sobre o ensino público galego e sobre o seu propio profesorado, despois de que no resto do Estado Español se tiverá comezado xa os plans de reversión de recortes -agás no caso da Comunidade de Madrid na que é previsibel o inicio de novas mobilizacións en breve- e en pleno aluvión de propostas electoralistas alleas as necesidades educativas como a dixitalización forzada dos centros ou a obligatoriedade de acceder ao proxecto Polos Creativos sen atender á realidade concreta de cada centro, agora chegou o momento de facerse a foto firmando pactos que tan só recuperan unha pequena parte de todo o que foi roubado durante este tempo.

Para o Partido Comunista de Galicia este é un acordo incompleto, en canto non aborda cuestións coma o pago dos veráns ao persoal interino, a actualización e mellora do actual Plan de Acción Social e o regulamento de permisos e licenzas, a redución dos prazos para a substitución do profesorado -fixada agora mesmo en 15 días-, nin tampouco aborda a necesaria actualización do catálogo de postos de traballo entre outras moitas cuestións -no caso de Infantil e Primaria este data do ano 2010; é un acordo insuficiente pois non fixa un rateo máximo de alumnado en segundo ciclo de Educación Infantil de 15 nenos e nenas (en lugar de 20 coma na etapa de Primaria) nin contempla ao alumnado con necesidades educativas especiais -aplicando un criterio moi restrictivo- e tampouco fixa o calendario de recuperación do horario lectivo previo aos recortes de 21 horas en Infantil e Primaria e 18 en Secundaria e contempla subas salariais que en ningún caso acércanse á perda de poder adquisitivo acumulado ao longo destes anos; e é un acordo en diferido pois a súa aplicación non estará completa ata dentro de 10 anos e porque algúnhas das propostas son unha mera declaración de intencións cara a futuras negociacións.

Pero este é tamén un acordo que ante todo quere frear a organización e a mobilización da clase traballadora para esixir de forma clara e inequivoca a súa vontade de mellorar substancialmente as súas condicións laborais e a calidade do ensino público galego.

Dende o Partido Comunista de Galicia temos claro que é fundamental que, ante un novo intento de pechar en falso unha recuperación real das condicións laborais, o conxunto do profesorado galego ten que mostrar a súa disconformidade ante un pacto que ten pouco de histórico e co que queren repartir migallas coas que comprar a “paz social”. Máis iso non sería suficiente e é preciso camiñar cara a unha mobilización sostida no tempo, capaz de cristalizar e visibilizarse en tódolos centros educativos do noso país, que involucre a toda a comunidade educativa -pois isto non vai só das condicións laborais do profesorado senón da calidade dun dereito fundamental que é o ensino- e que permita converter a resignación e a pasividade en acción e as queixas que abondan nas salas do profesorado en propostas e accións. Propostas que artellen unha forte oposición a unha educación neoliberal e capitalista que ten como obxectivo converter o ensino nunha mercadoria, os colexios e institutos en centros dirixidos baixo criterios empresariais e na que o profesorado convértese nun técnico ás ordes do sistema.

 
 

 

 

Categorías:

Comparte: