COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG oponse á creación de novas universidades privadas en Galicia.

22 de abril de 2021

Ante as novas aparecidas nos xornais na última semana, na que se informa dun novo proxecto de universidade privada, rexistrado polo Centro de Estudios Superiores de Galicia (que se suma á iniciativa xa coñecida de Abanca), o Partido Comunista de Galicia manifesta a súa oposición á creación de centros privados na ensinanza superior.

 

O Partido Comunista de Galicia oponse frontalmente á creación de novos centros universitarios que se están tramitando nos últimos tempos. Trátase de proxectos innecesarios, pois non aportan nada salientable con respecto á oferta educativa das tres universidades públicas galegas, pero ademais atentan contra un dereito básico, convertendo un servizo esencial, como é o ensino, nun negocio na procura do beneficio económico. Como constata o informe ¿A qué puede llamarse universidades? Análisis del grado de cumplimiento de los requisitos actuales y los nuevos requisitos previstos, publicado recentemente polo Observatorio do sistema universitario, as universidades privadas do Estado están moi lonxe de cumprir os estándares mínimos de calidade, tanto os actuais como os previstos na nova lexislación de pronta publicación. Polo tanto, non só son innecesarios novos proxectos privados no ensino superior galego, senón que estes son sempre garantía de fracaso.

 

Un exemplo da conversión do ensino en mercancía pode observarse nos resultados das universidades privadas en materia de investigación. Este tipo de actividade universitaria, esencial para asegurar un ensino de calidade, require unha inversión inicial elevada para producir resultados satisfactorios. Porén, dado a tendencia ao acceso aberto e a propia natureza reproducible do coñecemento, as empresas privadas aproveitan a investigación desenvolvida no eido público para mellorar a súa docencia. Todo isto sen entrar a avaliar a porcentaxe da inversión privada en investigación sustentada en fondos públicos. Isto amosa como a universidade privada destina capital á parcela máis rendible (docencia) e chucha os resultados da universidade pública nas parcelas que requiren máis inversión (investigación). Estudos recentes sinalan que o 90% da investigación continúa a realizarse na universidade pública e, en calquera caso, a universidade privada está moi a zaga. 

A finais do mes de febreiro o Consello Económico e Social determinou a existencia de importantes carencias no proxecto da universidade de Abanca. Segundo o CES, o proxecto presentado non cumpre os requisitos mínimos esixidos na Lei 6/2013, do Sistema Universitario de Galicia. O Anteproxecto de lei non especifica os títulos que se impartirán, algo esixido pola devandita Lei para asegurar que o catálogo é “complementario e non reiterativo” con respecto aos xa existentes no SUG (art. 13.g). A pesar diso, a Xunta de Galicia, por motivos que se descoñecen, pero entre os que non se encontran a procura da calidade na ensinanza, decidiu dar luz verde ao proxecto e comezar coa tramitación, desatendendo, así, as recomendacións do seu órgano consultivo.

A actitude do goberno de Feijóo é pouco razoable e claramente irresponsable se temos presente que o novo decreto sobre o ensino universitario español, que se publicará de maneira inminente, estipula que as universidades deberán ofrecer titulacións das tres disciplinas do coñecemento. Pero dende a Xunta, concretamente o Secretario Xeral de Universidades, Díez de Castro, sinalou aos medios que este requisito non terá que ser satisfeito polo proxecto de Abanca xa que a súa tramitación comezou con anterioridade á entrada do futuro Decreto. Preguntámonos que interese pode ter a Xunta en beneficiar un proxecto privado que non vai cumprir coa normativa. Independentemente de ditos intereses este procedemento é claramente intolerable.

O Sistema Universitario de Galicia goza de boa saúde a pesares das posibilidades de mellora e do desleixo por parte da administración autonómica. O estudo citado ao comezo indica que as tres universidades galegas están entre o 22% que cumpre os requisitos actuais. Ademais, só a Universidade da Coruña incumpre un só requisito da nova proposta do Ministerio, quedando preto de cumprilo.

Dende o PCG instamos ao goberno da Xunta a aumentar os orzamentos do Sistema Universitario de Galicia. Só así se asegurará a excelencia no ensino superior público galego. En Galicia contamos con tres universidade de alto nivel que con traballo e máis recursos públicos poderían desenvolver máis servizos e de maior calidade, pero é absurdo desviar esforzos a proxectos privados, de dubidosa calidade académica, e onde o que prima e o lucro e non a ensinanza.

 

Categorías:

Comparte: